Hai cen anos, Vilalba xa tiña unha asociación de comerciantes que pedía melloras para a vila

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

Na casa da dereita, onde estivo o hospital de Santa Catarina, fundouse a Unión Comercial Villalbesa. O edificio está situado na praza de Santa María, antigo lugar de feiras.
Na casa da dereita, onde estivo o hospital de Santa Catarina, fundouse a Unión Comercial Villalbesa. O edificio está situado na praza de Santa María, antigo lugar de feiras. ALBERTO LÓPEZ

Nomes coñecidos da vida local participaron na creación da Unión Comercial Villalbesa

01 nov 2024 . Actualizado a las 18:42 h.

Tres meses despois do acceso ao poder do xeneral Primo de Rivera, o último día de 1923, reúnese no Teatro Villalbés un grupo de comerciantes co obxectivo de constituírense en sociedade que tería por obxecto o defender o comercio e a industria de Vilalba. Coñecemos os inicios da Unión Comercial Villalbesa pola memoria publicada ao facerse un ano da súa formación.

Situándonos en contexto recordamos que eran tempos de cambios políticos e sociais. Acabárase a política da Restauración na que se alternaban conservadores e liberais no poder. Recordábase o desastre de 1898, estaban presentes as mortes de mozos en África nos feitos do monte Gurugú, o barranco do Lobo e da derrota de Annual, e no interior do país a conflitividade social estoupara en 1917 con manifestacións, folgas, revoltas e asasinatos en Cataluña e Andalucía.

En Vilalba, en 1922, morrera Andrés Basanta Olano, alcalde conservador durante vinte anos e por algúns considerado arquetipo dun caciquismo que, dicíase, continuaba na liñaxe. A primeiros de 1923 estaban acabadas as beirarrúas de granito na rúa Cos-Gayón (actual de Galicia) e iniciábanse as da rúa Conde Pallares e da praza do Castelo.

A Deputación amañaría a Ferrería, inicio da estrada a Momán. Pedíase luz pública nos Castros e na Alameda. En Lugo deuse un banquete de homenaxe, no Círculo das Artes, a 18 pesetas cuberto, ao exministro e deputado Rodríguez de Viguri, e Vilalba estaba representada polo alcalde Domingo García González, autoridades, párrocos e comerciantes.

A vida continuaba. Nacía Mercedes Peña Rodríguez. Casaban as irmás Campos García: Hortensia, co médico militar Daniel García Vázquez-Rúa, e Angustias, co farmacéutico Andrés Basanta, estes no oratorio privado de Penas Corveiras. Enterrábase Ignacio Cacharrón Salgueiro, durante anos secretario do Concello. Algúns habaneiros regresaban con certas ou incertas fortunas e outras ideas, entre elas as masónicas e as republicanas.

 Conexión telefónica

En Gradamil (Oleiros) celebrábase o Santo Antruejo. O Casino Villalbés renovaba directiva. O Teatro Villalbés era escenario de festas e actuacións. Abríase a estación telefónica, pero só tiña comunicación con Lugo, Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo.

Na prensa local iniciouse unha controversia entre el «Heraldo de Villalba», de García Hermida, e «El Progreso Villalbés», de Enríquez Chanot. Este último saudaba o Directorio Militar e proclamaba o final do caciquismo. No fondo eran diferencias no goberno local e movementos de controlar os cargos de concelleiros. «La Voz de Oleiros» saía irregularmente. «A Xusticia», voceira de parte do que fora a Irmandade da Fala, refería actividades no Centro de Artesanos.

 Contra os atropelos

Segundo propia manifestación, a Unión Comercial Villalbesa nacía ao ver os mil e un atropelos de que era obxecto o comercio do distrito de Vilalba sen que ninguén remediase as cousas e as causas. O 16 de decembro de 1923 «El Progreso Villalbés» publicou un artigo titulado «Para el comercio local», asinado por «Un comerciante», no que se pedía formar unha sociedade de comerciantes e industriais para defender os seus intereses.

Formouse unha comisión que axiña viu conseguido o éxito malia que algúns querían facer ver o contrario. Formábana Guillermo Orosa, Vicente Otero Cao, José Carballeira, Pascual González e Tomás Otero. Insistían en que a pretensión fundamental era a unión de todo o comercio e industria para facer forza, conseguir logros e falar cunha voz.

 Regulamento aprobado

O seu regulamento someteuse á aprobación do gobernador civil, e conseguido o beneplácito, o 29 de xaneiro de 1924, no Teatro Villalbés, quedou formalmente formada a sociedade Unión Comercial Villalbesa. Asinaron a acta constitucional Guillermo Orosa, presidente, e Antonio Peña, secretario. Na memoria de finais de 1924 relátanse os logros.

O Concello non puxera un novo imposto sobre os rótulos dos comercios. Quedou sen efecto a rigorosidade da hora de peche dos establecementos. Deixaron de ser efectivas as taxas que gravaban o comercio de coloniais. Rebaixouse dun 32 a un 12 por cento o recargo municipal sobre as Matrículas de Industria. Rebaixouse o recargo municipal das cédulas. A finais de ano xa se puideron poñer conferencias e expedir telefónemas co resto de España.

 Xestións para acadar un banco

Nomeouse avogado-consultor da sociedade ao daquela alcalde José Valdesuso Celeiro. En feiras e feiróns unha comisión de concelleiros esixirían as matrículas a vendedores ambulantes. Estaban realizándose xestións para o establecemento dunha sucursal bancaria.

Pedíase que os sindicatos agrícolas das parroquias contribuísen pola venda de ultramarinos, viños e licores. No que non houbo acordo foi no asunto do imposto sobre viños e licores que marcaba o novo Estatuto Municipal; convocáronse tres reunións, pero a desunión dos asociados foi patente.

 Preocupación polo tren

Unha preocupación latente nos falares e reunións dos asociados foi a do ferrocarril que uniría Lugo con Ribadeo, conscientes de que as comunicacións moven a economía. Enviouse un telegrama ao presidente do Directorio Militar, que foi respondido polo Ministerio de Fomento, Negociado de Reclamaciones e Informaciones, co seguinte texto: «El ferrocarril de Lugo a Ribadeo forma parte del plan de los servicios generales con vía ancha, comprendidos en la Ley de 23 de noviembre de 1877. La Diputación de Lugo tiene solicitado que este ferrocarril sea convertido en línea de vía de un metro, pasado por Villalba y Mondoñedo; asunto que se encuentra pendiente de resolución y a informe del Consejo de Obras Públicas».

E se o paciente lector de hoxe chegou ata estas liñas comprobará que foi resposta semellante á que se dá hoxe cando se pregunta por que razón Galicia queda atrás no Corredor Atlántico que nos ha unir, sen saber cando, con Europa.

Ao finalizar o ano de 1924 a directiva da Unión Comercial Villalbesa estaba formada por Guillermo Orosa Álvarez, presidente; Pascual González, vicepresidente; Tomás Otero Muras, tesoureiro; José Carballeira, contador; Antonio Peña Novo, secretario; Vicente Otero Cao, vicesecretario; e como vogais Vicente Ramudo Prieto, Francisco Eimil, Ramón Blanch (renunciado) e José Enríquez Chanot.

 Nomes coñecidos

Acompañábanse de 78 socios da vila e de 29 das parroquias. Na listaxe descubrimos homes e mulleres que dinamizaron a economía da comarca: Mariano Sánchez, Alejo Prieto, Ángel Rego Pérez, José Puentes Guerreiro, Jesús Gayoso, Francisco Nistal, Vicente Quintela, Leoncio Enríquez, Manuel Somoza, Antonio García Hermda, Crisanto Cillero, Nicolás Roca... Coñecer o que foi desta Unión Comercial, dos seus asociados e como evolucionaron nos anos seguintes será labor de descubrir calados arquivos, cartapacios ocultos e caixas ocultas en faiados... antes de que caian máis casas que os custodian.