Buscan impulsar a literatura en galego con escritores consolidados e emerxentes, que ofrecerán pequenos recitais e coloquios nunha taberna da cidade
19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Poesía en directo e en pequenas píldoras. É a nova proposta cultural, 1/2 hora de poesía, que busca impulsar a afección por este xénero literario en Lugo. Non é unha tarefa doada, tendo en conta que se trata dun xénero literario minoritario, a poesía, e nunha lingua que non atravesa o seu mellor momento, o galego. O escritor chairego Manuel Vázquez é un dos promotores desta proposta, que botou a andar hai unhas semanas en A despensa do Saa, un bar-tenda da rúa Salvador de Madariaga, moi involucrado na vida cultural da cidade. A iniciativa organizarase mediante recitais curtos e coloquios con escritores consolidados e emerxentes, de dentro e fóra da provincia, en galego e tamén algún en castelán, cunha periodicidade mensual, aproximadamente.
Da inauguración encargouse o poeta lucense Xavier Rodríguez Barrio, avalado por unha traxectoria de medio século de poesía en galego, e contou cunha presentación a cargo do escritor Xulio Pardo de Neyra. «Xavier ten unha obra moi valiosa e vangardista, e a acollida foi moi boa, enchemos o local», conta Manuel Vázquez.
Pola súa banda, o poeta, que levaba anos sen dar recitais na súa cidade natal, tamén quedou «realmente sorprendido» pola boa acollida desta intervención poética, con xente de todas as idades e nunha taberna literaria que, casualmente, está situada na mesma rúa na que el nacera 68 anos atrás. Confesa que o «entusiasmo» que lle contaxiou Manuel Vázquez cando lle propuxo a idea foi clave para que accedese a participar na actividade: «Cando me falou de media hora de poesía, pareceume moi longo, pero creo que ao final durou cerca dunha hora porque a xente pedía que continuase», relata.
Declive da poesía en galego
O formato, explican, é clave para este éxito, ademais da calidade dos autores que participan. «A poesía lese cada vez menos, e a mellor forma de difundila e comunicala é con recitais, é unha das maneiras máis directas de conectar co público», afirma Xavier.
Conta este autor que cando el comezou a publicar, o habitual era facer tiradas de 1.500 exemplares cando se trataba de poesía en galego, mentres que hoxe en día non se superan os 200. «É máis doado ler narrativa ca poesía, pero co éxito destas iniciativas queda demostrado que hai un público para a poesía en galego. Para min é unha marabilla que a poesía teña protagonismo, así que esta iniciativa paréceme marabillosa e agardo que poida seguir adiante», engade o autor.
Manuel Vázquez, pola súa banda, advirte que «estamos nun momento complicado para a lingua», así que supón un reto esta iniciativa, centrada nun xénero literario «moi minoritario». Porén, «en directo sempre ten certa maxia, ocorre como coa música». Explica que, aínda que na actualidade se publica máis ca nunca, «en galego véndese pouco, a situación da literatura galega en xeral é mala, estamos nun momento delicado». Aínda así, a boa acollida que está tendo esta iniciativa demostra que «hai un público para a poesía e para o galego, o directo dálle un ‘plus’, apórtalle unha maxia especial, e conta co aliciente de poder coñecer ao autor», continúa.
O formato para os próximos recitais seguirá a ser o mesmo: a presentación a cargo doutro autor, unha lectura de tres ou catro poemas e un comentario e coloquio sobre eles. A seguinte sesión terá lugar a principios do mes de febreiro.
Entre os autores que confirmaron a súa participación na iniciativa, e que irán compartindo as súas creacións literarias ao longo dos próximos meses, están Luis Valle, Ánxela Gracián, Marica Campo, Xulio López Valcárcel, Xulio Pardo de Neyra, Beatriz Dourado, Martiño Maseda, José Estévez, Ana Mar Fraga Rábade, Xesús Bermúdez Tellado, Toño Núñez ou Xesús Trashorras, entre outros.
A despensa do Saa, un local con vocación de taberna literaria desde 1971
Non é por casualidade que o lugar escollido para levar a cabo os recitais de «1/2 hora de poesía» sexa o bar, tenda e taberna literaria A despensa do Saa. O negocio familiar, aberto no ano 1971, contou mesmo cunha época na que tamén funcionou como centro social e cultural, e acollían e organizaban todo tipo de actos culturais: asembleas, debates, presentacións literarias, concertos, teatro, recitais...
O seu xerente, Xosé Manuel Vázquez Saa, explica que ao local foille dando forma a propia clientela: «O local faino a xente», afirma. Non dubidou en sumarse á iniciativa que lle propuxo o escritor Manuel Vázquez e confesa que a primeira sesión «foi un éxito».
Seguindo a súa filosofía de impulsar os produtos de proximidade e promocionar a arte, neste establecemento da rúa Salvador de Madariaga realizan un amplo abano de actividades culturais, aínda que a pandemia freou moitos proxectos e fixo mudar o perfil de clientela: «Este sempre foi un local alternativo e antes viñan, por exemplo, moitas persoas vinculadas ao mercado da terra, moi novas. Pero desapareceu. E agora a media de idade é algo maior», explica o xerente do local, que abre todos os días, agás o domingo.
Retomar os debates
Xosé Manuel Vázquez Saa quere darlle un novo impulso á actividade cultural no establecemento lucense: «A idea é recuperar un pouco esa época dos inicios, manter eses niveis de cultura», expón, seguindo con estes recitais, acollendo concertos, presentacións literarias, pezas teatrais... e retomar tamén os debates que, baixo o título de «Conversas con...», tanto éxito tiveran no seu momento. «Por poñer un exemplo, Lugonovo naceu aquí», matiza.