Media hora de poesía ao mes en Lugo: as mulleres poetas toman a palabra na taberna literaria A Despensa do Saa
LUGO

O local de hostalería presentou as novas actividades culturais, con escritores e artistas coma Diana Varela Puñal, Christian Villamide, Xulio López Valcárcel ou Marica Campo
27 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As mulleres poetas serán as protagonistas da segunda parte de 1/2 hora de poesía, a nova iniciativa cultural que busca impulsar a afección por este xénero literario en Lugo ofrecendo poesía en directo en pequenas doses. Autoras coma Montse González Álvarez «Magadán», Ana María Fraga Rábade, Diana Varela Puñal ou Nieves Neira Roca serán algunhas das protagonistas destes encontros literarios promovidos polo escritor e animador cultural Manuel Vázquez e pola taberna literaria A Despensa do Saa, de Lugo, onde teñen lugar estes recitais e coloquios.
A primeira parte desta proposta cultural, que botou a andar a finais do ano pasado, rematará coa intervención do poeta Luís Valle, o sábado 31 de maio, ás 20.00 horas; e con Xulio López Valcárcel, no mes de xuño. Non serán estas as únicas actividades culturais deste local lucense de hostalería. Tamén participará o artista Christian Villamide, dentro do ciclo De conversa con..., baixo o título de Territorio incómodo/territorio acomodado, e que contará coa presentación de Ánxela Gracián, que ademais é membro do grupo literario Os nabos de Gracián. A maiores, en maio está previsto un acto co libreiro e investigador José Manuel Valín e, en xuño, un recoñecemento á traxectoria cultural de Marica Campo.

Medio século de viño e cultura
A Despensa do Saa, situada no número 8 da rúa Salvador de Madariaga, é unha referencia no mapa das tabernas e da cultura de Lugo desde hai máis de medio século. O seu responsable, Xosé Manuel Saa, fillo do fundador deste bar, tenda e taberna, fai balance da historia deste local, especializado en «maridar bo viño e cultura», e no que «conviven en harmonía viños e libros».
Segundo lembra Saa, esta histórica taberna abriuna seu pai, baixo o nome de Bar Saa, no ano 1971, coa correspondente licenza municipal. Xosé Manuel púxose á fronte da taberna en 1991, despois de pasar pola universidade e de cumprir co servizo militar. Desde o 2003, o establecemento é o escenario de numerosas actividades, entre as que a poesía ten preeminencia.
O que hoxe é A Despensa do Saa funcionou entre o 2009 e o 2016 como centro sociocultural alternativo baixo o nome O carneiro alado. Neste ámbito, no que se mesturan viño, política e cultura, naceu Lugonovo, a marea de Lugo, que tivo representación no Concello. De feito, o propio Xosé Manuel Saa renunciou a ser deputado da marea pola provincia de Lugo deixando sitio así a Miguel Anxo Fernán-Vello.
Polo que hoxe é A Despensa do Saa pasaron, entre outros moitos, Javier Krae, El Lute, Luis Tosar, Jorge Coira, Ángel Cristo, Méndez Ferrín ou Xosé Manuel Beiras. Entre os que recitaron están Isidro Novo, Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Manuel Vázquez, Beatriz Dourado, Montse González «Magadán» ou Fernando Juan «Cone».