A malla de Castro de Rei, un exemplo de traballo colectivo para obter o grao para o pan

iria d. pombo / m.g LUGO / LA VOZ

CASTRO DE REI

Os veciños, entreeles varios mozos, recrearon este domingo unha das tradicións máis arraigadas do noso rural coa 21 edición da Festa da Malla

19 ago 2024 . Actualizado a las 21:20 h.

Unha vez está todo o centeo amontoado, hai que golpealo para extraer as sementes coas que facer o pan. Esta é a última fase da malla, unha actividade con séculos de historia recreada en numerosos puntos de Galicia. Castro de Rei é unha das localidades nas que se celebrou e este ano coa súa 21 edición, que como novidade substituíron o centeo e pasaron a mallar trigo.

«Esta festa xurdiu no ano 2000 de forma natural como homenaxe e celebración das xeracións que nos precederon e, á vez, como lección maxistral para que as novas xeracións non esquezan de onde vimos», explica Héctor Anllo, membro da asociación Amigos da Feira dende os 10 anos.

Ademais, nesta localidade chairega a festa destaca polo seu realismo, pois divídena en semanas, tal e como son as verdadeiras fases de todo o proceso. Para o antigo campesiñado galego o papel do sol era imprescindible en todo este proceso. «O palleiro non se fai sen palla, non?», bromea Anllo.

Do mesmo xeito que nesta Festa da Malla, os feixes obtidos días antes na meda debían pasar unhas cantas horas secándose baixo os raios solares. Ese asolamento era tan necesario para enriquecer o cereal como o resto do proceso, aínda que non conviña deixalo secar de máis. «Unha malla como a nosa non se podería facer en óptimas condicións se non mantivéramos tamén a sega e a meda do xeito tradicional», explican dende Amigos da Feira.

Unha clase en vivo

«Abrir todos estes procesos ao público é tamén clave para poder preservalos e que a xente aprenda como se fan, tendo o privilexio de poder asistir a unha verdadeira masterclas en vivo de persoas que fixeron este traballo anos e anos», engade Héctor Anllo.

Así pois, mantendo o esquema do pasado, hai dúas semanas a asociación Amigos da Feira reuniuse para realizar a sega. De aí saíron uns 2.000 quilogramos de trigo. Deste xeito, Castro de Rei conclúe un ano máis un dos ciclos máis importantes e característicos das sociedades agrarias galegas.

A malla

Tal e como explican dende a asociación que recrea esta actividade, o mallado do cereal non era posible sen a axuda mutua da veciñanza. «É un traballo en cadea no que todo o mundo ten o seu rol ben definido», indica Anllo. Dende pola mañá cedo o campesiñado reuníase na aira dividíndose en varias filas de malladores con cadanseu mallo. Cada fila mallaba alternativamente sobre o cereal, a un tempo e de xeito rítmico, desprazándose lateralmente para percorrer todo o airado.

Mentres tanto, as mulleres eran as encargadas de colocar lenzos para evitar que os graos saltasen fóra por mor dos golpes. Ademais, cando os homes paraban o mallado, as mulleres, tamén chamadas espalladoras, ou os cativos, sacudían a palla para terminar de separar o grao e a puxa. Despois, todo ese grao era recollido e medido segundo fosen ferrados ou tegas. A continuación, realizábase un cribado para limpar a recolleita de posibles elementos intrusos, como po ou herbas.

Posteriormente, a solidariedade social adoitaba concluír con comidas comunais como a que se celebrou onte, sobre as súas da tarde, logo de rematar a malla. Normalmente, eran fornecidas polos donos dese cereal, con xogos e festa durante toda a tarde. «O día da malla era considerado como un día de festa para os nosos devanceiros, xa que non só lles garantía dispoñer de pan e alimento para o ano seguinte, senón que tamén era un gran acto social que servía para xuntarse para facer todos os traballos», lembra Héctor Anllo.

Da mesma forma que se fixo durante séculos, Castro de Rei culmina a celebración da tradición, dos tempos pasados e da cultura popular que marcaba o ritmo de vida de toda unha sociedade.