Castroverde reformará e ampliará o seu centro multiusos

la voz LUGO

CASTROVERDE

José Tomé co alcalde de Castroverde e deputados e concelleiras
José Tomé co alcalde de Castroverde e deputados e concelleiras CEDIDA

A Deputación de Lugo destina 325.000 euros para mellorar esta dotación cultural e social

13 sep 2022 . Actualizado a las 17:17 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este martes en Castroverde que a institución provincial destina máis de 325.000 euros ao Concello para que poida acometer a mellora e ampliación do Centro Multiusos situado na vila, xunto ao centro médico, unha actuación grazas á que contará cun espazo público «moito máis amplo, acondicionado e adecuado para poñer a disposición do tecido asociativo, e para desenvolver actividades culturais e de lecer. Polo tanto, máis dinamismo social e económico para o noso rural».

O mandatario provincial asinou no salón de plenos de Castroverde co alcalde e deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández, un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega ao Concello 307.500 euros para acometer as obras, e, ademais, a institución asumiu previamente os máis de 17.500 euros do coste da redacción do proxecto técnico.

José Tomé subliñou que a aportación que fai a Deputación a través do acordo firmado esta mañá supón a metade do orzamento total necesario para acometer as obras. O resto do financiamento corre a cargo do Concello de Castroverde. «Estamos falando dunha das obras máis importantes que se farán neste concello dende hai tempo, polo volume de investimento económico pero, sobre todo, polo beneficio e repercusión que terá para os veciños e veciñas, e para a vida social e cultural deste municipio», destacou o presidente.

O proxecto

O equipamento resultante do proxecto constará de dous edificios. Un deles será o existente actualmente, máis alto e con dous andares. E o outro será un inmoble anexo, que terá planta baixa e con menos altura que o existente. Os dous estarán conectados. No interior habilitaranse locais para os colectivos do municipio, así como a biblioteca municipal e diferentes almacéns de apoio. Tamén se construirán novos aseos e un ascensor para comunicar os dous andares.

O presidente asegurou que «o investimento que formalizamos aquí hoxe é un exemplo do modelo de xestión que practicamos na Deputación». Por unha parte, incidiu, «unha política de feitos porque hoxe non viñemos aquí para prometer ou anunciar, senón para firmar un convenio que permitirá sacar adiante un proxecto que xa está redactado, e que o Concello ten en fase de licitación. É dicir: feitos, realidades». Por outra parte, manifestou, «practicamos unha política de máxima cooperación cos 67 concellos da provincia de Lugo para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños, sobre todo no noso rural».

Inversións en Castroverde

O presidente da Deputación de Lugo sinalou que o organismo provincial destinou no que vai de mandato máis de 2,6 millóns de euros a Castroverde, ademais de abrir o Centro de Atención a Maiores que a institución provincial ten no municipio. «Esta maneira de facer política coñécea ben o alcalde, porque é compañeiro de Goberno na Deputación de Lugo, e porque tamén é a liña de traballo que segue aquí en Castroverde para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas».

Infografía de como quedará a reforma e ampliación do edificio
Infografía de como quedará a reforma e ampliación do edificio

Neste ano 2022, a institución provincial inxecta máis de 304.500 euros ao Concello a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas, creación de emprego, o Servizo de Axuda no Fogar e actividades culturais. En concreto, destes fondos, o Concello dedica máis de 50.000 euros á mellora do pavimento nos núcleos do Codesal, Foguentelle, Pereira e Outeiro; para a rexeneración dos camiños de Furís de Arriba, A Frairía e Vilalle algo máis de 45.000 euros; para o arranxo dos viais de Abelleira, Arrubial, Pereiroá e Outeiro un total de 42.000 euros; e para o acondicionamento do acceso entre os núcleos de Masoucos e Vilacote case 29.000 euros.

Outra das cuestión relevantes é o investimento de 27.200 euros para o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); 70.500 euros para a creación de emprego; ou 19.500 euros para a organización da cabalgata de Reis, o Entroido, a Feira de Artesanía e as festas patronais de Santiago Apóstolo.

A Deputación tamén desenvolve importantes proxectos en estradas provinciais ao seu paso polo municipio neste últimos meses. É o caso da reparación do firme de máis de 11 quilómetros da estrada provincial LU-P-1201, que une os núcleos de Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá cun investimento de preto de 43.000€ e que afectaron ao treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 3,8 e 14,9. O proxecto tamén contemplou melloras noutra estrada de Castroverde, a LU-P-1204, que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, no treito comprendido entre os quilómetros 4 ao 4,2.

Así mesmo, a Deputación acometeu melloras na vía provincial LU-P-1211, que transcorre polo Coto, Porcín e Arrubial, e serve de punto de comunicación entre os concellos de Castroverde e O Corgo. Nesta vía os traballos execútanse do quilómetro 1,9 ao 2.