A actividade, que propón exercicios de ioga e reflexión para nenos de ata seis anos, cumpre o seu segundo verán
28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A Aula da Calma prové á rapazada do Concello de Guitiriz das ferramentas necesarias para deterse, calar e escoitar o que o corpo demanda. A educadora social, Rocío Fanego, que puxo en marcha este obradoiro de ioga e meditación o ano pasado, vén de iniciar agora unha nova edición. Está satisfeita de ter atopado na aula a máis nenos ca nenas, pois contribúe a derrubar estereotipos de xénero. Tamén chegan moitos que repiten, o que leva a pensar que xuventude e calma son compatibles.
«Sempre comezamos vendo algo positivo do día, preguntándonos como nos encontramos, saudando ao sol cunha frase positiva e preguntándolle ao corpo como se encontra», explica Fanego, que enganchouse ao ioga fai catro anos a raíz dun campamento en Guitiriz que contaba con instrutoras especializadas en transmitirllo aos nenos. Empezou a formarse de maneira particular e acabou incluíndoo como unha ferramenta transversal na súa labor como educadora.
Contidos atractivos
Polo seu traballo na concellería de Servizos Sociais, organiza actividades para diferentes colectivos e intenta que podan resultar atractivas para a veciñanza do Concello.
Deste xeito, comezou a incorporar os coñecementos adquiridos sobre ioga en sesións con persoas de idade avanzada e deterioro cognitivo. «Damos talleres de memoria cos maiores e tamén algún obradoiro deste tipo con eles porque a nivel neuronal é moi beneficioso. Son espazos nos que se traballa a autoestima, o fortalecemento de capacidades persoais e a estimulación cognitiva», sinala.
«Cos nenos ten que ser sempre a través do xogo. Facemos xogos en grupo e as relaxacións son diferentes que as dos adultos, facémolas de distintas formas: camiñando, pintando...»
Detectou que no caso dos pequenos había un baleiro neste tipo de talleres, nos que se propón unha labor reflexiva e menos física, aínda que igualmente lúdica. Sobre esas bases naceu a Aula da Calma o ano pasado. «Cos nenos ten que ser sempre a través do xogo. Facemos xogos en grupo e as relaxacións son diferentes que as dos adultos, facémolas de distintas formas: camiñando, pintando...», detalla a educadora social.
Desde o pasado verán son tres as edicións realizadas con dez sesións repartidas en dúas horas á semana. Para sorpresa da súa fundadora, a Aula da Calma mantén o número de participantes, que son agora nove pequenos e sete adolescentes. «Nun principio, vías que uns levaban aos outros, pero agora realmente ves que foi algo que lles gustou», razoa Fanego, que tivo que adaptarse ao ritmo que demandaban os pequenos, moi diferente ao dos adultos: «Non pasa nada se non conseguimos facer unha relaxación, non hai que angustiarse, igual nun curso, algún día poden estar cinco minutos relaxados. Iso si, é unha pasada o que se evoluciona. Simplemente con que fagan unha postura de ioga máis lenta sendo conscientes do que fan... É suficiente», afirma.
Aprendizaxe
Como rutina, as clases sempre comezan dunha forma na que se invita á rapazada a reflexionar e na que si ou si ten que expresar sentimentos e emocións, unha aprendizaxe moi útil para os usuarios, que teñen desde seis anos. «Trátase de desconectar do material e centrarte nos teus adentros», reflexiona Fanego.
«Cando pensas en ioga, pensas automaticamente nunha muller e, sen embargo, temos na clase máis nenos ca nenas»
Para a educadora social do Concello de Guitiriz, foi ademais moi satisfactorio descubrir como os estereotipos de xénero vinculados ao mundo do ioga se desbarataban edición tras edición: «É algo que me sorprendeu un montón. Cando pensas en ioga, pensas automaticamente nunha muller e, sen embargo, temos na clase máis nenos ca nenas».
A pasada semana comezaba a última edición da Aula da Calma, marcada polo covid-19 e pola ausencia de contacto físico, que en anteriores ocasións era esencial. Con ese aspecto limitado pola necesidade de gardar entre os nenos a distancia de seguridade para reducir o risco de contaxio, o verán brinda as condicións idóneas para trasladar a clase ao campo.