O gañador recibirá 2.000 euros e verá publicada a obra
20 oct 2020 . Actualizado a las 16:44 h.O Concello de Guitiriz volve convocar o premio Díaz Castro de poesía. A iniciativa chega xa a quinta edición, e este ano quedou condicionada polo estado de alarma. En abril foi aprazada, semanas despois de que a pandemia afectase á vida cotiá de persoas e de institucións. O gañador da obra recibirá 2.000 euros e verá publicado o poemario en Espiral Maior. A decisión do xurado, que formarán tres persoas vencelladas coa literatura galega, anunciarase despois do 19 de xaneiro do 2021. Os poemas deberán ter unha extensión mínima de 500 versos, quedando excluídos de participar quen teñen gañado edicións anteriores.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, salientou a importancia de manter actividades culturais nun ano complicado coma este. O premio foi promovido polo Concello para lembrar a figura de Xosé María Díaz Castro (1914-1990), que nos últimos anos recibiu varias homenaxes en Guitiriz. A máis importante tivo lugar no 2014, pois a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas. A Asociación Cultural Xermolos leva anos tentando rehabilitar a casa natal do poeta, situada na parroquia dos Vilares, e darlle usos socioculturais.