O autor recibirá 2.000 euros e verá publicada a súa obra
24 feb 2021 . Actualizado a las 13:06 h.Pablo Bouza é o gañador da quinta edición do Premio Díaz Castro de poesía. A obra premiada é «Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse». Foi elixida por un xurado presidido polo escritor Miguel Anxo Fernán Vello, cos críticos literarios Armando Requeixo e Ánxela Gracián como vogais e coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira. O autor recibirá 2.000 euros, e a súa obra será publicada.
O xurado salientou a calidade dos traballos presentados, o cal interpretou como sinal de boa saúde da literatura galega de interese arredor do premio. A decisión de convocar un premio de poesía co nome de Xosé María Díaz Castro foi tomada polo Concello de Guitiriz como unha maneira de manter viva a presenza do autor de «Nimbos», a quen a Real Academia Gallega lle dedicou no ano 2014 o Día das Letras Galegas. A reunión do xurado tivo lugar por vía telemática.
Pablo Bouza naceu en Fene e vive en Culleredo. Ten publicado varios libros e conseguido varios premios: entre eles, o convocado polo Concello de Vilalba.