Ana Pérez, bibliotecaria de Guitiriz: «Unha biblioteca é un lugar de xuntanza»
GUITIRIZ
O servizo gañou un premio do Ministerio de Cultura polas súas campañas de animación á lectura
20 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Biblioteca Municipal de Guitiriz entrou na rede da Xunta no 2020. O ano anterior chegara Ana Pérez Martínez para estar á fronte do servizo. A Biblioteca ten uns 5.000 volumes e un recoñecemento: foi distinguida este ano nos Premios María Moliner, que convoca o Ministerio de Cultura para iniciativas de animación á lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes.
-Que é máis difícil nunha biblioteca coma esta, ter ideas ou poder aplicalas?
-O difícil é que entre xente e que siga a vir despois da primeira vez. É importante que teña o hábito de vir. No ano 2020 puxemos en marcha a iniciativa «O paraugas da fala», inspirado en Rosalía de Castro: lévanse actividades ao campo da feira para achegar á xente a figura de Rosalía de Castro. O importante é que a xente saiba que en febreiro se vai facer algo no mercado.
-Hai unha barreira para entrar na biblioteca? Fáltalle á xente a familiaridade que pode ter, por exemplo, para entrar nunha tenda?
-Podo falar da miña experiencia de agora, destes tres anos. A xente vén. Temos ao lado a aula CeMIT, que é un punto de apoio para establecermos alianzas. Aquí pódese vir ler, estudar, xogar... Estes días, por exemplo, fíxose unha actividade en colaboración con Alume (Asociación lucense pola recuperación e a integración das persoas con trastornos mentais) e impartiuse un obradoiro de iniciación á cestería.
-Significa algo especial gañar un premio coma o que se vén de conseguir?
-Si. Compítese a nivel estatal. O que se fai en Extremadura ou en Andalucía tamén aspira a gañar. É un orgullo que as autoridades nos fagan este recoñecemento.
-Cústalle á xente maior entrar nunha biblioteca?
-Aquí hai de todo, xente maior ou xente nova que vén estudar en tempo de exames. Hai, por exemplo, xente que consulta as obras do Iescha (Instituto de Estudos Chairegos) e di que pasa un tempo agradable.
-Cre que a xente sente o servizo como algo propio?
-Si. O edificio é un sitio emblemático, e agora ten tamén o pulo da biblioteca. É unha maneira de darlle valor e de darlle vida a un edificio simbólico en Guitiriz.
-Fai unha biblioteca unha función especial nun concello pequeno?
-O importante é ser un un lugar de xuntanza, de aprendizaxe. É unha función dentro dunha comunidade. Unha biblioteca non é só un sitio ao que vir consultar ou estudar senón tamén ter contacto con outra xente. Por exemplo, hoxe [a entrevista tivo lugar a primeiras horas da tarde deste mércores] vai vir xente xogar á ra, que é algo que xurdiu nos Xogos de Primavera [unha iniciativa desenvolvida polo Concello].
Case medio cento de actividades nun ano
O proxecto que se desenvolveu en Guitiriz tiña por título «A Biblioteca sen parar ao teu alcance». Con esa denominación organizáronse, nun só ano, case cincuenta actividades. Para a concesión destes premios, téñense en cuenta cuestións coma o traballo de animación á lectura, a integración social na contorna ou o emprego de novas tecnoloxías.