Cando chegue setembro...

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

13 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén aí o festival de Cannes, sen cine americano que seica agarda por Venecia para demostrar que segue a ser imprescindible nas grandes celebracións de cine comercial. Cannes en Galicia ten o seu aquel a pesar da distancia, pola parroquia pontevedresa de Cans que desde hai anos celebra un festival de cine onde levan aos invitados en chimpíns de obras e as proxeccións fanse nas palleiras da parroquia. Cada quen fai o que pode e como pode, e en Lugo Fonmiñá ven de presentar o cartel da 43ª Semana de Cine, a celebrar en setembro. En Lugo temos a Semana de Cine máis antiga de Galicia, desde 1979, cando o Franquismo dera xa as boqueadas e a democracia era unha nena adoptada por un país que non sabía como había que criala.

As manifestacións cinematográficas anteriores foron quedaron polo camiño, e só Lugo seguiu mantendo o lume sagrado dos Lumière, incluso durante a pandemia. Á Semana de Lugo adiantouna pola dereita a toda velocidade a de Ourense, porque o combustible chégalle por canle máis caudalosa ca a calquera outra de Galicia. E aínda hai quen pregunta por que non se fai algo como en San Sebastián, sen saber que alí, cando as pesetas valían como pesetas, xa manexaban cifras de nove ceros. A nosa Semana celebrará o centenario de Berlanga e o cartel, da lucense Sabela Arias, contén motivos sacados de «Bienvenido, Mister Marshall». E Fonmiñá premiará aos cinéfilos lucenses que sexan quen de atopar o maior número destes motivos. Será en setembro, porque como dicia a canción, «Cando chegue setembro, todo será marabilloso».