Un gañador de 13 premios Mestre Mateo dá clase de FP nun instituto de Viveiro

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

MEIRA

Andrés Goteira, director de cine, dá clase de Electricidade desde principios deste curso no IES María Sarmiento de Viveiro
Andrés Goteira, director de cine, dá clase de Electricidade desde principios deste curso no IES María Sarmiento de Viveiro XAIME RAMALLAL

O director da galardoada «Dhogs» imparte Electricidade no María Sarmiento

07 mar 2022 . Actualizado a las 14:15 h.

Conta Andrés González Tella (Meira, 1983) que nas súas clases ós seus alumnos trata de transmitirlles «tranquilidade, alegría, o feito de sacarlle problemas a todo e de tirar sempre para diante». «Prefiro facer iso máis que falarlles de cine, xa que ese é un obxectivo meu que a eles nin lles interesa nin o plantexan», destaca cunha abraiante calma Andrés Goteira (o apelido artístico supón unha mestura dos seus apelidos reais co seu lugar de nacemento). Director da galardoada película Dhogs, gañadora de trece premios Mestre Mateo no 2018 e que foi pre candidata ós Goya, este curso imparte clase nos ciclos medio e superior de Electricidade do IES María Sarmiento de Viveiro.

«Son enxeñeiro técnico de Telecomunicacións un pouco por obriga. Ó mellor non é o que eu quería, pero a vida foime levando a estudar iso. Antes estudara un ciclo de Son, empecei a traballar en dobraxe, non me gustaba nada e arrinquei a estudar a enxeñería. Rematala axudoume a sufrir e a conseguir cousas aínda que eu non estivese a gusto, e nela atopas procesos cerebrais doutra maneira, aprendes a saír do paso, a ser eficiente...», explica quen é director, guionista e montador, ademais de membro da produtora Gaitafilmes; e recoñece que dar clase de Secundaria lle garante unha estabilidade «para asegurar unha vida levadeira», e que a un tempo lle permite dedicarse á súa paixón: o cine.

«Meu pai é moi argalleiro e pouco chafalleiro. Aprendín moito de supervivencia, de buscar a vida, de se non o podes comprar tamén se pode facer, buscando a maneira de solucionar e tirar para diante, e iso axuda a que non haxa barreiras nin límites e que poidamos mesmo chegar a facer películas»,  Andrés Goteira, profesor de FP no IES María Sarmiento de Viveiro e director de cine

«O de dar clase vén un pouco por insistencia non só de meus pais ou de miña nai, por crearche un futuro máis estable, senón polo entorno, por Meira, de onde son, onde ó mellor se busca ser menos soñador e máis conservador. Pero paralelamente son impulsivo, e ó final sigo no meu, no que é vocacional, no que me apaixona e no que intento liar á xente que me rodea, ós amigos e á xente que fun atopando polo camiño», relata quen traballa con actores como Melania Cruz, Antonio Durán Morris, Miguel de Lira, Carlos Blanco ou Iván Marcos, entre outros.

Pola praia de Covas

Goteira compaxina ben a visión soñadora e idealista da vida coa de ter os pés na terra, como proba a explicación que ofrece sobre o que supón facer unha película. Algo que vai moito máis aló do proceso creativo. «Ás veces pensamos que facer unha película é un guión, unha rodaxe..., e facer unha película supón que o oitenta por cento é empresa pura. Buscar cartos, buscar un equipo e levalo a cabo e vender a película ocupa o oitenta por cento. O outro ocupa un vinte: escribir o guión, rodar, a montaxe... Detrás dunha película hai moito traballo, moitísimo equipo, moito delegar...», resume un docente que se despraza a diario de Meira a Viveiro para dar clase, e que aproveita tempo que lle queda libre para pasear pola praia de Covas. «Busco sempre a natureza», subliña.

«Alcoa dentro de vinte anos non existirá, existirán moitos máis robots e tipos de traballo diferentes. E se non son capaz de adaptarme nin de superarme, se non teño o pensamento crítico de sobrevivir, de valorar a familia, a sociedade e o diñeiro polo que son, de valorar a necesidade de delegar, non haberá base e serei infeliz por estar sen tocar chan»

Un proxecto en Ribeira de Piquín que combina rural e audiovisual

Goteira desenvolve «con moita ilusión» cuns amigos en Ribeira de Piquín, municipio limítrofe de Meira e do que antano formaba parte, un proxecto que combina o audiovisual co impulso do rural, e que conta con fondos autonómicos do GDR da zona. Unha iniciativa que garda algunhas semellanzas coa que impulsa nos Ancares o tamén cineasta Oliver Laxe, autor de O que arde. «O noso está máis ligado á post produción e a un viveiro de castiñeiros, da árbore autóctona de alí, para equilibrala co eucalipto», comenta.

O seu documental «Welcome to ma maisone» ten dúas nominacións nos Mestre Mateo 2022

O traballo máis recente de Andrés Goteira, o documental Welcome to ma maison, terá dúas nominacións na próxima gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 19 de marzo na Coruña. «Estamos nominados como Mellor Documental e como Mellor Montaxe», indica o cineasta e docente, que considera que os premios «son un escaparate cheo de variables». «É algo abstracto, é difícil de definir como chegar a un premio, e é no último que debes pensar á hora de querer facer unha película», engade. «Cando fago unha película, o que me motiva é trasladar o que teño no cerebro á atmosfera audiovisual. Traducir os pensamentos e as emocións en imaxes, e ese é o proceso máis complicado e máis bonito á vez», comenta, e sinala, que o espectador que quere ver cine galego, de autor, conségueo: «Se buscas, se tes a actitude de buscar o teu cine, atópalo. Non necesitas que pase un bus por diante de ti co cartel de ‘Dhogs’».