A cadeliña Lúa conduce un tractor e coida a dúas xeracións de irmáns
07 jun 2020 . Actualizado a las 18:00 h.Mael acorda da sesta e, «se non chove, ó lío»: así presenta Marifé Pérez Arias en Facebook un episodio máis dos que cada tarde de confinamento están a protagonizar en Vilaverde (Navia de Suarna) o seu neto Mael, de dous anos, e Lúa, unha Golden Retriever de oito. O vídeo recolle a Mael sentado no remolque do seu tractor e á cadela Lúa conducíndoo ao longo de interminables círculos. «Así botan a tarde, ata que se acaba a batería :, di Marife, quen aclara que, aínda que moita xente pensa que o tractor ten un mando a distancia, é a propia Lúa a que preme o acelerador, e que o feito de levar o volante suxeito debaixo do peito failles andar ao redor.
Lamentablemente o vídeo non amosa o comezo da función onde se suceden, segundo refire Marifé, encarnizadas pelexas por porse ao volante. Primeiro é Mael o quere ir diante, pero Lúa non colle no remolque, e en todo caso o seu peso faríao volcar, co cal o neno tense que conformar con ir de pasaxeiro; logo está a terceira en discordia, Wendy, a filla de Lúa de dous anos, que tolea tamén por conducir; pero Lúa, querendo protexer a Mael, impón a súa autoridade de nai e non lle deixa. Mentres, Marifé, que nunca falta á súa obriga de ter o tractor a tope de batería, non pode gravar porque ten que poñer orde na festa, que logo continúa durante varias horas ata que o tractor acaba os folgos.
Unha longa historia de amor
Estas tardes de xogos en Vilaverde son parte dunha longa historia de amor e amizade entre as dúas xeracións de Golden Retriever, Lúa e Wendy, e os irmáns Mael e Eric Digón Mon. A historia comezou hai oito anos, no mes de febreiro, cando Pablo Digón, pai dos nenos, lle regalou a Marifé a Golden Retriever polo seu aniversario. Daquela Marifé acababa de perder un can e tiña ganas doutro, pero cunhas características especiais, xa que Eric reinaba na casa cun aniño cumprido no outono. Por iso escolleron a Golden Retriever, unha raza de carácter dócil, familiar, amigable e tamén intelixente.
Lúa chegou a Villaverde con dous meses e o neno e a cadeliña criáronse xuntos, aprendendo a ir no tractor e compartindo xogos, ata que chegou a primeira camada de Lúa, todo un acontecemento para Eric tamén. Lúa medrou e pasou a ser nai, proxectando ese instinto tamén sobre os cachorros de home. «A relación de Lúa con Eric era diferente da que ten agora con Mael; con Eric a cadela era noviña e xoguetona, mentres con Mael domina un instinto de protección, de continua vixilancia, e amosa unha paciencia infinita», destaca Marifé, a avoa que afirma estar tranquila deixando a Lúa a cargo de Mael.