O prestixioso investigador lucense abriu as Xornadas Galegas de Dislexia
19 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O prestixioso investigador Manuel Carreiras (Sobrada, Outeiro de Rei, 1959) inaugurou onte na Deputación de Lugo as terceiras Xornadas galegas de dislexia. Doutor en Psicoloxía, especialista en neurociencia e director científico do Centro Vasco de Cognición, Cerebro e Linguaxe, destacou o importante que é para o futuro dun neno a detección precoz deste trastorno da linguaxe.
-¿Que é a dislexia?
-É a dificultade que teñen algúns pequenos para poder ler, para aprender a facer a relación entre sons e letras, entre grafemas e fonemas. Na maioría dos casos débese a un problema neurolóxico cunha base biolóxica, en moitos casos xenética. Non é que sexan tontos, senón que len máis amodiño, non len dunha forma rápida como as persoas que automatizan a lectura.
-Se non se trata, acaba condicionando a vida...
-Non é só un problema cognitivo porque acaba creando un problema emocional. Se o neno non aprende a ler ben, empeza a ter dificultades na escola, ás veces convértese en problemático, a autoestima baixa moito, co cal non quere ir á escola... É a pescadiña que se morde a cola, por iso hai que atacar o problema canto antes.
-¿Como poden detectar a dislexia as familias?
-As nais ven claramente cando un neno non vai ben na escola, cando empeza a ser problemático... Non ten porque ser disléxico, pero o mellor é poñerse en mans dun profesional e que vexa se é un problema de dislexia ou doutro tipo. É importante que haxa unha sensibilidade social de que eses nenos non son tontos.
-¿Falta concienciación sobre a dislexia?
-A xente non sabe que personaxes como Churchill ou Einstein eran disléxicos. Son xente que pode ser moi creativa, moi lista e chegar a facer calquera cousa, pero necesita unha axuda. A nosa sociedade baséase moito na lectura, e se o neno ten problemas con esa ferramenta, con ese software, o edificio vai caer. Se non sabe ler ben e lle presentan un problema escrito vaino facer mal. E non é que sexa malo en matemáticas, é que non comprende o enunciado.
manuel carreiras director científico do centro vasco de cognición, cerebro e linguaxe