Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O día que deixe a política volverei ser policía local»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

PALAS DE REI

cedida

O rexedor sostén que os once anos que exerceu como axente lle axudaron a ser mellor na alcaldía

05 abr 2019 . Actualizado a las 08:49 h.

«Antes que fraile fun sancristán», di entre risas Pablo Taboada. No seu caso concreto, primeiro foi axente de policía local en Palas de Rei, e agora é alcalde do municipio. Asegura que as dúas tarefas de servizo público son a súa paixón e que cando deixe a alcaldía volverá a vestir o uniforme de municipal.

-O seu é un caso único?

-Creo que son un dos poucos policías locais de España que chegaron a alcalde. Bueno, realmente creo que son o único. É algo moi gratificante porque tanto ser policía local como alcalde é vocacional para min. Gústame ser policía local, que é a miña profesión, e gústame ser alcalde. O máis bonito nesta vida é poder dedicarse ao que a un lle gusta e sentirse realizado co que fai.

-E como foi o paso de rúa á alcaldía?

-Aprobei as oposicións de axente local no 1994 e incorporeime no 96 logo de completar a miña formación, logo estiven ata o 2007 como policía local. Aí foi cando comecei o meu periplo político, primeiro como tenente de alcalde e no 2011 xa como alcalde.

-Os anos como policía local servíronlle de algo na alcaldía?

-Dende logo, foi primordial, hai que ser sancristán antes que fraile. Serviume para coñecer as necesidades dos palenses, coñecer cada recanto do meu pobo e sobre todo para coñecer a cada veciño con nome e apelidos, que é algo importante na política local.

-Cal das dúas responsabilidades é máis sinxela?

-Son responsabilidades distintas, pero os tempos de policía servíronme para desempeñar mellor a tarefa de alcalde.

-Acumularía mil anécdotas.

-Moitas, sobre todo referentes ao Camiño de Santiago. Como por exemplo, peregrinos que se perdían no camiño e incluso tiñas que prestarlles cartos, porque daquelas non había tantas tarxetas de crédito nin teléfonos móbiles. Todo era distinto, nin mellor nin peor. Ademais, podo dicir que nos once anos que estiven como policía local nunca tiven que poñer unha multa, así que moi bos eran os veciños ou moi malo o policía (risas).

-Vostede que cre?

-As dúas cousas. Eu daquelas tamén era moi noviño e sempre preferín dialogar.

-Pasou algún momento delicado?

-Tiven un par de rombos nalgún banco, incluso case me toca repeler un amago de tiroteo, e lembro que unha vez un veciño me sacou unha pistola, pero afortunadamente volveuna gardar no peto. Hai que quedarse cos bos recordos, con toda a xente que coñecín. Supoño que algún día escribirei un libro da historia de Palas.

-Poucos concellos da provincia contan con policía local. Supoño que vostede é defensor da súa existencia.

-Si, a policía local fai moito traballo, eu ás veces mesmo levaba vixilancia de obras. Todo depende de como o enfoques, pero eu penso que non se debe perder. Ben é certo que as circunstancias económicas son as que son e entran dentro das posibilidades de cada concello e das prioridades. Afortunadamente, en Palas, polo Camiño, a policía local sempre tivo unha función moi activa.

-Vese o día de mañá volvendo a ser policía local?

-Cando deixe a política aí estarei, co meu uniforme sendo policía local. Aínda o outro día, por unha broma coa miña filla, o probei e aínda me serve (risas). A min encántame ser policía local e cando os veciños de Palas decidan que teño que volver á miña praza, aí estarei.