Un estudo salva do esquecemento a olería de Samos

Laura López LUGO / LA VOZ

SAMOS

OSCAR CELA

Roxofrei acolle o sábado a presentación dun libro sobre o desaparecido centro oleiro e unha cocción de pezas

29 nov 2018 . Actualizado a las 21:52 h.

A olería de Samos xa non caerá no esquecemento. O traballo que levan desenvolvendo desde hai uns seis anos un grupo de lucenses -agora constituídos na Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira- xa deu importantes froitos. Un deles é a publicación do libro Formas tradicionais da cerámica popular. Samos, de Hixinio Flores e Orlando Viveiro, que será presentado este sábado en Roxofrei, na parroquia samonense de Santa María de Loureiro. O traballo pretende recuperar «o oficio esquecido dos barraxeiros ou louceiros de Samos, xunto coas barreiras e os fornos onde cocían as pezas de barro».

Esta publicación supón un paso máis na recuperación, revalorización e divulgación da olería de Samos, un dos catro centros oleiros que operaron na provincia de Lugo, xunto aos de Bonxe, Gundivós e Mondoñedo. A olería de Samos, a máis descoñecida da provincia, desapareceu nos anos cincuenta do século XX. Porén, catro lucenses encargáronse de restaurar no 2013 o forno de Roxofrei, fronte á casa de Lulle, cando levaba máis de cen anos sen cocer. Alí, o ano pasado celebraron unha fornada histórica coa que deron vida de novo a esta olería. O ceramista de Anseán (O Corgo) Manuel Fernández, Lolo, guiou a cocción dunhas pezas elaboradas nun obradoiro que este mesmo artista impartira no Mosteiro.

O sábado volverán festexar este «rexurdimento» cunha xornada lúdica, cultural e de recuperación histórica, na que haberá cocción de cacharros, de pan, empanadas e a presentación do libro.

Hixinio Flores, un dos impulsores desta iniciativa, explica a dificultade que supuxo levar a cabo este traballo: «O labor de campo é complicado, hai que contactar coa xente, moitas pezas están en mans particulares...». Ademais, na actualidade non queda ningunha persoa viva que fose testemuña directa daquelas derradeiras fornadas.

A peza máis antiga é de 1706

Segundo recollen no libro, a olería de Samos practicouse na zona coñecida como Couto de Samos, feito que se pode vincular co Mosteiro, tal e como pasou coas ferrerías. A comezos do século XVIII estaba plenamente implantada, e a peza máis antiga da que hai coñecemento é unha ámboa de 1706, que conta cunha inscrición. No libro detállase tamén o que cobraban os fabricantes de olas de barro, o que custaban os materiais, como eran os tornos utilizados polos cacharreiros de Samos e os fornos, integrados en construcións anexas ás vivendas, o que fan que pasen máis desapercibidos. Tamén dedica un capítulo ás feiras, que supuxeron un auténtico trampolín para esta industria oleira. Concretamente, houbo tres mercados de gran relevancia na contorna de Samos para o oficio dos cacharreiros: a feira da Esfarrapa (parroquia de Santiago de Cedrón, Láncara), o 11 de cada mes; a de Castroncán (Samos), o 4; e a da Campa da Choza (na Ponte, no Val de Lóuzara), o 17.

O libro complétase con planos, fotos, debuxos..., en definitiva, todo un patrimonio e parte da historia local recente, «conservados no tempo e na memoria das persoas herdeiras de acordos e saberes, dos cales foron donas as xeracións devanceiras, que no presente conservan en loita sen cuartel contra un esquecemento da historia propia, que de certo nos abafa», segundo recolle o libro.