Agustín Baamonde: «Este premio equivale a cincuenta anos do presuposto municipal»

Enrique Gómez Souto
Enrique G. Souto LUGO / LA VOZ

VILALBA

ALBERTO LÓPEZ

Baamonde di que o Gordo supón unha inxección fundamental no tecido económico de Vilalba

23 dic 2017 . Actualizado a las 23:26 h.

Unha choiva de millóns acaba de caer no seu municipio e, á súa maneira serea e retranqueira, está feliz. Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, di que os cartos que deixou no se municipio o Gordo da Lotería Nacional equivalen a cincuenta anos de presuposto municipal. Destaca que está moi repartido e que hai moitos rapaces que teñen parte do premio. Recorda que é a segunda vez que Vilalba é beneficiaria do premio Gordo, o que, di, empeza a ser un signo distintivo como o capón. En Vilalba, sinala Agustín xogando co título da coñecida película, a lotería, como o carteiro, sempre chama dúas veces.

-¿Hai agraciados entre os corporativos? ¿Tocoulle algo ao alcalde?

-Que eu saiba a estas horas (son as 13.30 horas), non, pero se hai agraciados entre familiares de concelleiros. E ao alcalde tocoulle, por así dicilo, por elevación, porque hai moitos veciños que si teñen premio.

-¿Que representa para Vilalba este baño de millóns?

-Pois, primeiro, a alegría de que o premio está moi repartido. Non como no caso de Santaballa (1976), pero moito porque son 1.300 décimos. Iso supón que probablemente unha gran parte se vai gastar neste municipio, polo que é fácil comprender que o comercio está batendo palmas; vai recibir un gran impulso. É unha gran inxección económica no tecido económico de Vilalba que, é de supoñer, vai mellorar moito.

-¿Prevé promover algunha festa ou celebración similar?

-De momento, non, pero iremos falando, porque aínda se está asimilando este golpe de sorte. Polo que recordo, a explosión de xúbilo foi máis inmediata polo premio de 1976, pero tamén hai que dicir que aínda están empezando as reaccións. Tocoulle a moita xente, por exemplo aos profesores do Insua Bermúdez, porque o secretario comprou un montón de décimos e está moi repartido. Case todo o profesorado ten algún décimo. Por outro lado, o feito de que se vendera no Cascudo, bar e casa de comidas de referencia en San Xoán de Alba, seguramente fará que teñan tamén moitos veciños de parroquias próximas.