Agustín Baamonde cre que o seu goberno fixo un labor intenso, pero que faltou tempo para reverter a situación
06 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.José Quigoga Suárez, presidente da Xunta preautonómica, dixo que unha derrota da UCD sería tan pouco probable como que o Amazonas variase o seu curso: chegaron as eleccións de 1981, e Alianza Popular foi o partido más votado, aínda que o río segue a discorrer por onde ía. O Magdalena continúa a pasar baixo a ponte dos Freires e xunto ao muíño do Rañego, pero o PP vén de perder en Vilalba as eleccións municipais. As augas políticas andan algo revoltas.
-Perdeu o PP ou gañou o PSOE?
-Cada un pode interpretar o que pasou como queira. Probablemente se deu algo das dúas circunstancias.
-O PP era en Vilalba, polo xeral, un partido forte e unido. Fallou esa unión?
-Á vista está que fallou esa unión. Unha parte da explicación do resultado está nesa fenda que había, ou que hai, no partido.
-Pecharase axiña esa fenda?
-Ese é o asunto que hai que afrontar. A solución? Non está na miña man, nin creo que a teña ninguén. Creo que haberá que facer un esforzo entre todos.
-Por que se chegou a esa situación?
-Son circunstancias da evolución. Tanto tempo de exercicio do poder causa desgaste. Naturalmente, friccións hai sempre. Hai veces en que se entenden; outras veces, xa é máis difícil.
-No 2016, no pleno no que tomou posesión como alcalde nesta nova etapa, defendeu a necesidade da «política con maiúsculas». Cre que a houbo en Vilalba nestes dous anos e medio?
-Entendo que se fixo un traballo intenso e bo: resolvemos problemas que estaban creados, como a gardería ou o centro de alzhéimer. Hoxe dous anos non son tempo para reverter unha situación que xa se adiviñaba complexa; pero os resultados de hai catro anos xa nos indicaban unha situación difícil. A nova lei de contratos non provoca parálise, pero si lentitude. Hai proxectos que non se fan da noite á mañá, como a modernización do medio rural, levando Internet ou o transporte. Iso leva tempo, necesítase unha lexislatura.
-«É evidente que o PP, como é lóxico, acusa o desgaste do paso do tempo». Díxoo vostede no 2016, ao día seguinte de tomar posesión. Notouse ese desgaste máis do que se podía supoñer?
-Probablemente si. Pesou máis o pasado ca a perspectiva de futuro que se pretendía, tanto no programa como na lista.
-Foi o da Xunta un goberno amigo?
-Ao gobernar na Xunta o PP, obviamente é un goberno amigo. En tempos pasados, con figuras como [Manuel] Fraga, hai que ver as circunstancias e os fluxos económicos: case había máis cartos ca necesidades. Se daquela as axudas da Xunta eran máis discrecionais, agora son máis regradas e suxeitas á normativa. Houbo axudas da Xunta que non puidemos canalizar; quedan realizacións que se van executar a posteriori. Esa rixidez da Administración é un hándicap. Polo demais, receptividade sempre tivemos.
-O PP nunca tivo en Vilalba competencia doutros partidos de centrodereita. Chegará un momento no que haxa outras candidaturas?
-Dada a evolución da política a nivel xeral, é un fenómeno que antes ou despois se trasladará a outros sitios. Non hai máis que ver que aquí, nas [eleccións] xerais, Ciudadanos e Vox captaron un número significativo de votos: entre os dous supuxeron uns mil votos.
-Quen será o candidato do PP de Vilalba no 2023?
-Iso é xogar a futuribles. Non hai máis que ver o que pasou co Partido Socialista e o tempo que transcorreu entre a súa caída ao inferno e a subida ao ceo.
-Curaranse as feridas no PP de Vilalba?
-As fendas nos partidos non son doadas de soldar, pero tampouco é imposible conseguilo. Teño a esperanza de que sexan circunstanciais.
-Hai boinas e barretes no PP de Vilalba?
-Os problemas afectan máis ao persoal ca ao ideolóxico. No ideolóxico, non hai razóns que apunten a esa división.
«As fendas nos partidos non son doadas de soldar, pero tampouco é imposible»
«Pesou máis o pasado ca a perspectiva de futuro que se pretendía»