Elba Veleiro, exalcaldesa: «Seguirei estando en Vilalba ao servizo dos vilalbeses»
VILALBA
A primeira muller e socialista que chegou á Alcaldía da capital chairega sinala que marcha por motivos persoais e para regresar á súa faceta de médica no centro de saúde antes de xubilarse
03 oct 2023 . Actualizado a las 13:25 h.Elba Veleiro (Vilagarcía de Arousa, 1955) anunciou no pleno de Vilalba deste luns a súa renuncia como alcaldesa de Vilalba e o seu reingreso como médica no centro de saúde da vila, no que leva traballando desde os anos oitenta do pasado século. Veleiro converteuse no 2019 na primeira muller e socialista que chegaba á Alcaldía de Vilalba, tras 40 anos de gobernos de Alianza Popular e Partido Popular. A decisión de marchar colleu por sorpresa. Elba Veleiro pasou polos micrófonos de Radio Voz, no programa «Voces de Lugo e da Mariña», que dirixe Félix Jorquera.
—¿Cales foron os motivos que lle levaron á renuncia?
—Como expliquei no me discurso de despedida e no comunicado á prensa, digamos que finaliza unha etapa e quero continuar coa miña prioridade que sempre foi e sigue sendo o servizo aos cidadáns, á miña vocación, que é a medicina, e máis nun momento no que hai carencia de persoal sanitario, porque a sanidade pública está a pasar un momento difícil. Creo que podo aportar desde ese ángulo o meu traballo ao servizo dos cidadáns. No 2019 tiven a inmensa satisfacción e honra de conseguir a Alcaldía para o PSOE de Vilalba, logo de 40 anos de maiorías do PP, e de ser a primeira muller alcaldesa en democracia. Foi unha dobre satisfacción. No 2023 volvemos a ter a confianza do partido de deixar que eu puidera encabezar a lista. Tivemos un resultado diferente, houbo un descenso nos apoios á nosa candidatura, pero facéndonos eco dese mandato dos votantes que nos daban a oportunidade de chegar a un acordo de poder continuar cun goberno de progreso e non volver ás políticas do PP e retrotraernos a unha Vilalba escura e estancada. Por responsabilidade afrontei este novo reto de chegar a acordos con outras formacións políticas e tiñamos un nexo de unión de ideas confluentes. Tomei esa responsabilidade e unha vez lograda conformación dese goberno de coalición con Vilalba Aberta e co apoio externo do BNG, non deixa de ser unha gran satisfacción lograr en momentos máis difíciles demostrar que non se prioriza os personalismos senón aos veciños, buscar ao mellor para servilos.
—O PSOE apurou a Elba Veleiro para que repetise como candidata ante o temor de perder a Alcaldía? E ata que punto as difíciles negociacións para formar goberno precipitou o de deixar a Alcaldía.
—Non, en absoluto. Presenteime voluntariamente, ninguén me obrigou, nin sequera exerceu unha presión para que repetise como cabeza de lista. Realmente, a pesar de situacións de críticas, porque nunca fas ben a gusto do 100 % das persoas, esperábamos ter un resultados mellores. Quizais non soubemos facer calar na cidadanía o que se fixo nos catro anos anteriores, a pesar de atravesar a pandemia, e que nos obrigou a cambiar prioridades en determinados momentos. Creo que o fixemos ben, e esperábamos mellorar os resultados. Houbo dispersión do voto nos partidos progresistas, e como lista máis votada asumín a responsabilidade de encabezar as negociacións. Foron difíciles, como calquera tipo de negociación e chegamos a un acordo con coherencia e concordancia, tanto con Vilalba Aberta e co apoio do BNG. Agora está todo o equipo funcionando e rematando eses proxectos que se iniciaron no mandato anterior e outros que quedan por levar adiante nos vindeiros catro anos. Teño toda a confianza do PSOE e na relación con Vilalba Aberta e o BNG. Todos pensamos que as prioridades son os vilalbeses.
—O PSOE propón a Marta Rouco como nova alcaldesa, que lle parece?
—A ninguén se lle escapa que cando nos presentamos, a candidatura a encabezaban dúas mulleres. Era previsto que en algún momento, debido á miña idade, dera paso a un relevo, porque é necesario en calquera eido da vida. Na política estancarse e estar inmóbil non é positivo. Hai un equipo consolidado, coordinado e con capacidade e con todas as ideas claras e proxectos claros e con cohesión, pensando que hai que seguir avanzando no progreso dos vilalbeses.
—¿Con qué se queda deste 16 anos en política?
—Cunha gratitude enorme. Foi unha experiencia enriquecedora tanto a nivel persoal como colectivo. Formo parte dun equipo do PSOE no que de todo se aprende, dos erros e dos fracasos. De onde sacan máis conclusións e que te axudan a mellorar como profesional e como persoa. Quédome con esa enorme satisfacción que me amosaron, amosan e estos días me amosarán moitos vilalbeses. Grazas de corazón a cada un deles, mándolle unha fortísima aperta, que me queren trasladar o seu cariño. Eu seguirei estando en Vilalba, como Elba Veleiro ao servizo dos vilalbeses.
—¿Seguirá colaborando co PSOE?
—Sempre que se requira o apoio dunha persoa con case 17 anos de experiencia, eu estarei disposta a facelo así. Sempre que sexa de utilidade, por suposto. A vida é política. Tampouco hai que marcar tantas diferenzas. A política é estar ao servizo da cidadanía, esteamos nos postos que esteamos, sempre ao servizo dos que o precisen.