A capital chairega acolle un campus de improvisación oral en verso con actividades formativas e lúdicas
15 ene 2025 . Actualizado a las 12:57 h.Días 17, 18 e 19 • Vilalba •
Adolescentes regueifeiros de toda Galicia reuniranse esta fin de semana no I Campus de Regueifa RegueiNov+s - Regueifesta de Vilalba. A improvisación oral en verso reunirá a regueifeiras e regueifeiros de Vilalba, Vila de Cruces, O Courel, Porto do Son, Compostela, Monforte, Vigo e Carballo. O IES Basanta Silva e o Proxecto Regueifesta organizan este evento lúdico e cultural.
Segundo explican os organizadores, despois de estar en perigo de extinción, a regueifa conseguiu revitalizarse co traballo colectivo de múltiples axentes educativos e socioculturais e, curso tras curso, danse máis sinerxias entre centros de ensino e movemento sociocultural. Actualmente, fálase da «Nova Regueifa» como un movemento protagonizado principalmente por adolescentes, cun valor importante no proceso de normalización da lingua. Desde o Equipo de Dinamización e o Club de Regueifa do IES Basanta Silva queren fortalecer esa rede de centros facilitando un encontro de adolescentes regueifeiros e regueifeiras en tres xornadas de formación e convivio.
Dentro do Campus terán lugar asembleas, actividades de formación (palestras, obradoiros…), grupos de traballo e actividades lúdicas. Por exemplo, realizarase un seminario con Sés, un obradoiro con Laura Lamontagne e unha visita á Casa Museo de Manuel María. Ademais, varios equipos de cine filmarán imaxes do Campus. Así, o proxecto «Regueifando con pracer» gravará recursos para un filme sobre regueifa e muller. O regueifeiro Manolo Maseda tamén dirixirá un equipo audiovisual que gravará escenas para un documental sobre o proceso de expansión da regueifa nos últimos anos.
A Regueifesta é un proxecto de dinamización da improvisación oral no ensino que cumpre dez anos. Del naceron o Regueibertso, o Enreguéifate, os Encontros de Regueifa Feminista, o Erasmus Plus “Europa de Repente”, a aula virtual PLATEGA Regueifa 2.0 ou múltiples cursos de formación.
PROGRAMA
Venres 17
· 18.00. Recepción e encontro dos participantes (biblioteca do IES Basanta Silva).
· 18.30. Preparación do Regueifa Tour.
· 19.00. Ensaio no Auditorio.
· 20.00. Espectáculo Regueifa Tour no Auditorio, aberto ao público. É unha xira de improvisación oral en verso que ten como propósito tecer rede entre os diferentes territorios onde se está a traballar a regueifa dentro e fóra das aulas. O curso pasado, o Regueifa Tour visitou Vigo, Vilalba, Vila de Cruces, o Courel, Viana do Bolo, Compostela, o País Vasco e Cataluña. Neste visitará Redondela, Vila de Cruces ou Vilalba.
· 21.30. Cea e foliada.
· 23.00. Durmida en colchonetas e sacos (biblioteca IES).
Sábado 18
· 10.30. Almorzo.
· 11.30. Saída en bus ata Outeiro de Rei, Casa-Museo Manuel María e arredores. · 14.00. Xantar
· 16.30. Grupo de traballo dxs regueifeirxs: «A regueifa hoxe», actividade de reflexión e debate, con Raquel a Doallo
· 19.00. Seminario de Sés.
· 21.30. Cea e foliada
· 23.00. Durmida
Domingo 19
· 10.30. Almorzo
· 11.30. Charla-espectáculo: Laura Lamontagne: Obradoiro sobre cancións, voz e música electrónica.
· 13.30. Xantar