«O que máis me emociona cando canto unha saeta é ver chorar á xente»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PaLACIOS VILALBA / LA VOZ

XERMADE

PALACIOS

Amador Bañobre, veciño de Momán (Xermade), di que hai xente que o toma por andaluz se interpreta a Valderrama ou a Molina

28 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha preocupación percorre España estes días: saber se choverá ou non resulta moi necesario para os que organizan procesións, para os que acoden a elas ou para os que as ven pasar. Non é só unha inquietude de Sevilla ou de Viveiro, pois tamén comentaba iso, onte pola tarde, Amador Bañobre, que participa activamente nos actos da Semana Santa que comparten Momán (Xermade), Labrada (Guitiriz) e parroquias dos veciños concellos coruñeses de Aranga e de Monfero.

Tanta é a implicación de Bañobre neses actos que mesmo canta nas celebracións do Venres e do Sabádo Santo: nada de composicións que se poden escoitar en calquera outra vila senón saetas. Unha delas, La saeta, é moi coñecida pola versión que gravou Joan Manuel Serrat; outra, que se canta o Sábado Santo, é creación súa.

-¿Por que escolle saetas e non outro tipo de cancións?

-Deume por aí. Cando o collo o coche para ir a Vilalba, a Guitiriz ou ás Pontes, vou cantaruxando todo o tempo.

-¿Gústanlle máis as saetas ca outro tipo de música?

-Gústanme moito. Gústame o flamenco. As cancións sinxelas non me van, porque teño unha voz alargada. Gústanme Juanito Valderrama, Antonio Molina... Vou [coa UNED Sénior] a Abadín ou a Vilalba, e teño que cantar unha ou dúas saetas sempre .

-¿Que di a xente ao escoitalo?

-Os que non me coñecen, cando canto, pensan que son andaluz. Pasoume unha vez en Xestoso [Monfero]. Díxenlle a un: ‘Son de aquí, de Momán’; e el: ‘Non, non, non’.

-¿Emociónase ao cantar as saetas?

-Emociónome, pero o que máis me emociona é ver chorar á xente. Cando canto esa que di ‘No llores más, María’, choran as mulleres sobre todo, e a min emocióname.

-Na UNED Sénior, da que vostede é alumno, ¿aprendeu alguna canción?

-Si. Aprendín Con un capote en la mano, de Antonio Molina; pero en lugar de dicir ‘Soy de España’ digo ‘Soy de la UNED’. Aprendín tamén Sevilla tuvo que ser [canción cuxa letra comeza así, aínda que o título é Dos cruces].

-¿Hai cantos máis difíciles ca o da saeta?

-O difícil, para min, é coller o ritmo. Se comezas de novo, xa tes a voz preparada. Por exemplo, esa de Treixadura que di ‘Señor cura, señor cura’ [a Muiñeira de Santo Amaro, da que canta unha parte] foi moi difícil para collerlle o ritmo. Saqueina cantaruxando no coche; é unha canción bonita, pero hai que cantala entre varios.

-¿Que cantantes lle gustan?

-Antonio Molina, Juanito Valderrama, Manolo Escobar... A voz dáa Deus, nace con cada un.

-¿Gustaríalle terse dedicado profesionalmente á música?

-Cando a xente di ‘Amador, que pena; onde poderías estar se houbese medios’. Polo resto, non. Traballei de carpinteiro; hai dez anos que me xubilei... Teño memoria: se Fran [Cupeiro, profesor de Música na UNED Sénior] trae unha canción ao grupo, son dos primeiros en collela.

-¿Gústalle a música das orquestras?

-Os Satélites gústanme moito; Sintonía de Vigo, tamén; Panorama, non: moita filigrana, pero pouca música.

A voz que fixo parar unha actuación en Xermade

Unha noite de orballo, en Xermade, Amador Bañobre e varios amigos seus puxéronse a cantar debaixo dun toldo; pouco despois, lembra, a orquestra da verbena deixou de tocar. A súa relación coa música comezou na nenez, cun músico de Momán. Non avanzou moito neses estudos, pero non perdeu o contacto coa música nin sentiu medo a cantar. «Se estou nunha reunión, a xente di ‘Que cante Amador, que cante Amador’. Estou contento porque á xente lle gusta que cante’», di.