Neptuno, Lady Justicia e outros superheroes de mentira argallados polas oenexés medioambientalistas estes días en Bruxelas, ao final, non foron capaces de amedrentar aos ministros de Pesca nin ao novo comisario para que non adoptaran acordos pensando tamén nos verdadeiros superheroes, os pescadores europeos, que día a día traballan para subministrar esa proteína tan saudable e sostible que é o peixe. Este conto navideño que rematou ben pasadas as 6 da maña xa do día 18, tróuxonos un aumento do xurelo sur de máis do 20 %, evitando a barbaridade que o consello consultivo de peláxicos pretendía que lle aplicaran ao sector español e portugués; limitouse ao 5 % ese recorte do 20 % que se pedía para a pescada do sur, collendo a alternativa de xestión que máis prexudicaba ao sector; e por fin a Comisión recoñece que se deberá reconsiderar a cota 0 para tres anos que o ICES propuxo para a cigala do Cantábrico. Hai algunha mala nova, pero, en xeral, podemos dicir que o conto rematou esta vez sen traxedia. O ministro e a conselleira, en contacto co sector, transmitíronnos que a pelexa foi dura e que este é o mellor acordo posible. A pesca non vai dubidar dos nosos representantes políticos, pero sempre nos quedará a incertidume de saber se, cunha maior sensibilidade da Comisión nas súas propostas cara unha sostibilidade biolóxica pero tamén social e económica, poderiamos ter un mellor resultado. No obstante, o conto este ano remata con máis luces que sombras, pero sen excesos nas luces, que para iso xa está Vigo. A pesca no Atlántico nororiental explotaba xa a maioría dos stocks en rendemento máximo sostible (RMS) e así seguerá a ser no 2020, convencidos de que a sostibilidade biolóxica é imprescindible, pero tamén de que necesitamos mellorar o asesoramento científico, e aproveitar a valiosa información que o sector pesqueiro pode subministrar; retos estes que debemos encamiñar sen demora. Coma reto será tamén que o novo comisario de Pesca coñeza a verdadeira película da pesca europea, onde non hai nin Neptuno nin Lady Justicia, senón persoas de carne e óso que traballan día a día para manter o importante tecido económico e social que supón a pesca en moitas rexións europeas. Por suposto, España terá tamén que contar cunha estrutura política e científica á altura do que representa o seu sector.
Así que, por que non pedir os reis magos unha Secretaría de Estado para a Pesca, e un IEO dependente dela con recursos suficientes para liderar a investigacións pesqueira en Europa, e ir ás próximas negociacións para o 2021 coas mellores ferramentas posibles? Pois iso.