«Creo que o márketing vive un momento de coñecemento e recoñecemento moi positivo, pero aínda nos queda moito camiño por percorrer para que a sociedade galega en xeral, e os empresarios e institucións en particular, sexan conscientes da riqueza que xera para o país a nosa actividade». Facer investimento en márketing e deseño é «a mellor aposta para non depender dunha guerra de prezos que estamos condenados a perder». Xosé Luís Reza, presidente de Markea, a Asociación Galega de Márketing, e do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia, cre que a estratexia ten que pasar pola diferenciación, por «explotar aqueles aspectos que nos fan únicos e que son tan prezados polos nosos clientes». A lingua galega pode ser un deses puntos fortes «e sen a necesidade de ser excluínte», puntualiza.
-Cal sería a principal vantaxe que salientaría de apostar polo uso da lingua galega nas comunicacións publicitarias?
-A principal é o posicionamento de marca na mente do consumidor. Utilizar o noso idioma lanza a mensaxe clara e nítida de que esa empresa é galega, ou se non é, cando menos ten certa sensibilidade sobre a nosa cultura. Eu traballei en R hai moitos anos, e dende o primeiro momento entendeuse o galego como a ferramenta perfecta para diferenciarse da competencia e arraigar a marca no territorio onde había que competir. E funcionou tan ben que as telecos foráneas fan o esforzo de comunicarse tamén en galego para poder competir aquí. E como este temos varios exemplos parecidos.
-Un dos puntos fortes é que apela á emotividade?
- Claro. Temos unha relación de agarimo e familiaridade con el única. Porén, iso fai que ás veces se considere ao galego pouco axeitado para segundo que sectores.
-De todos os xeitos, aínda ten pouca presenza nas campañas de publicidade.
- Eu creo que se debe a varios factores. Por exemplo, o momento político que vivimos onde a lingua está sendo usada coma unha ferramenta de confrontación, cando eu a considero un elemento de diferenciación ao que lle poderíamos sacar moito máis proveito. E por outra banda, porque os galegos somos un pobo moi práctico e, ante un mercado máis grande como o español, usamos unha soa lingua que nos sirva para todo. Ademais, coas novas tecnoloxías, estamos vivindo un momento de globalización onde as linguas minoritarias teñen moi pouco peso. E aquí as economías de escala son fundamentais. Temos problemas para que Google nos permita programar campañas en galego.
-Como se podería fomenta o uso da lingua galega no sector do márketing e a publicidade?
- Se os galegos non falamos, non demandamos galego, ás empresas non se van ver na obriga de usalo. É de sentido común. Dende os departamentos de márketing temos a obriga de optimizar a experiencia do cliente en todos os seus ámbitos, e o idioma é un deles. Eu teño claro que as empresas que queren vender en Cataluña teñen que comunicar en catalán, aquí non é tan evidente. Que podemos facer? Traballar e difundir os casos de éxito, coma calquera outra práctica empresarial. Debemos, nos foros onde estamos, falar da utilidade e da rendibilidade que ten o uso do galego. Pero sempre en termos de pragmatismo. Estou seguro que Gadis nos podería dar datos do que lle ten axudado no seu posicionamento de marca a campaña Vivamos como galegos.
-O vindeiro 29 de novembro entregan en Ourense os Premios Paraugas ás mellores iniciativas publicitarias de Galicia.
- O que temos visto é un incremento do número e da calidade dos proxectos que se presentan ano tras ano. A verdade é que non o temos analizado, pero si é certo que temos candidaturas en galego, en castelán, en portugués, en inglés… o talento galego é universal e o noso deseño e creatividade están á vangarda mundial, tanto porque temos grandes profesionais traballando fóra das nosas fronteiras como porque hai empresas do sector que traballan para grandes multinacionais e/ou teñen un mercado internacional.
«Se non demandamos ás empresas o galego, non se ven na obriga de usalo»
Xosé Luís Reza salienta que a relación de emotividade que hai co galego é unha das súas vantaxes | m. moralejo