Acrobacia china

| JORGE MIRA PÉREZ |

OPINIÓN

13 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

TRES MESES despois e o panorama non dá cambiado de cor. Tranquilos, paciencia. A cuestión estética non tardará moito en solucionarse. Seguro que ó longo deste 2003 chegaremos a non ver nada, nin nas praias nin nos medios de comunicación (salvo o programa especial da efeméride). Xa se sabe: o problema que non sae na televisión non é problema. Non hai borrón que impida conta nova, por moito fuel que teña o borrón. Pero..., ai amigo, éche bastante peor o que se ve que o que non se ve. Como nos peores pesadelos o mal espírito é case invisible, e pagaremos durante moitos anos as consecuencias, case sen decatarnos. O balance ecolóxico é algo tan singular como o equilibrio dunha torre de acróbatas chinos: canto máis bela é a acrobacia máis delicada e sensible se fai. Como unha porcelana fina, este Edén atlántico no que temos o privilexio de vivir está nese caso. ¿Por que entón esa teima en perturba-lo equilibrio, petroleiro tras petroleiro? Cómpre evitar que a acrobacia se desfaga, e cando esté en perigo, avisar a quen poda axudar. Nada desto se fixo. Quen no futuro teña o mando, por delegación do pobo, debe evitar que os galegos sexamos víctimas deste capitalismo salvaxe en alza, a peor forma de delincuencia deste planeta. Nada de modificar os regulamentos e normativas pensadas para protexer á maioría só para favorecer a uns poucos. ¿E cando ocorra o peor? Recurran ó tecido científico deste país, que condena con voz unánime as decisións políticas tomadas ante esta catástrofe, decisións tomadas á marxe de quen tiña que opinar realmente. ¿E agora que? O que a fixo, que a pague: tanto o delincuente, como o que lle permitiu delinquir, como o que amplificou as consecuencias do acto delictivo. Nunca máis, porfa, que os galegos non fixemos nada para merecernos esto,... ¿ou sí?