XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
23 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.TALVEZ non nos quede París. Talvez o mundo se resuma nunha fotografía: Bush saudando a Zapatero (Qué tal, amigo: Oh, contumaz e hipócrita diplomacia). Queda, sen embargo, este febreiro que marcha na punta dos pés. Medio golfo, imprescindible. Breve e intenso, como o ron desta vida que nos bebe. Febreiro de carnaval nas esquinas dos ollos, pintados de luns a venres. Febreiro de Europa si Europa non: ridículo espantoso este referendo. Prefiro os fantasmas do Windsor. Os fantasmas desta España que xa non cre nos fantasmas e, pese a todo, fai asunto de interés nacional as luces, sombras e siluetas que pasean con incendio incorporado. Xa non se nos incendia a alma. Ou si. A chupitos de gintonic sen alcohol. Incéndiase cando pensamos que somos unha xeración extraviada, de perdedores que sempre quixeron ser Peter Pan. Non crecer, nunca. E aquí estamos. Escoitando a Lou Reed mentres Lou Reed canta Crazy Feeling. Perdedores. Talvez non nos quede Macondo. Talvez Cortázar non nos visite como un espectro de Twin Peaks e os tigres de Cabrera Infante, descansenpaz, coman os labios de Garbo, Greta. Talvez non nos quede París. Pero queda este febreiro para non olvidar. Lento como unha canción de amor. Entre fantasmas.