Xusta homenaxe

| JORGE MIRA PÉREZ |

OPINIÓN

18 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OS ARTIGOS científicos escríbense para minorías, para expertos nas diferentes liñas de investigación. Ninguén que non sexa médico especializado poderá entender artigos sobre transplantes, nin ningúen que non saiba Física poderá interpretar os artigos seminais da Teoría da Relatividade Restrinxida (R.R.); aínda que crea que pode seguir a matemática. Nada grave nisto. O malo é non ter o grao de humildade para asumilo. Isto é o que lle pasa aos que seguen mantendo que Albert Einstein é un impostor. Fano animados por opinións puntuais, textos que len en páxinas web ou libros moi concretos. Voulles dar un máis: A. Rodríguez, no libro Sobre la teoría relativista propuesta por el Dr. Einstein (1924), di que «la verdadera ciencia nada habrá perdido al olvidarla» . Na mesma liña, dende pouco antes dos anos 20, varios físicos do futuro movemento nazi acometeron o acoso e derribo de Einstein, pola súa condición de xudeo, dende dous flancos: negando a validez da R.R. ou ben negándolle a paternidade. Chegaron incluso a presionar ó comité Nobel, que pese a elo, na concesión do premio a el destaca «a súa teoría da relatividade» e só se fai eco da discusión sobre a validez da teoría (vaia, non discute a paternidade). Ao lector tenlle que quedar claro que, logo de 100 anos de R.R., os físicos teñen máis que claro o papel estelar de Einstein. Non só iso; as discrepancias son tan escasas que ata a Asamblea Xeral da ONU declara o Ano Internacional da Física aproveitando o centenario do seu annus mirabilis , según fai constar expresamente na súa resolución A/58/L.62 (ou sexa, a asociación de Einstein a este ano non é un rebautizo feito pola conta e risco dalgúns). Perdón, esquecéronse de pedir permiso a esas persoas que opinan sobre o particular pese a careceren de producción científica no eido da Física. Persoas que toman a atribución, por Poincaré en 1900, dunha densidade de masa á densidade de enerxía electromagnética no éter cun factor 1/c2, como a relación masa-enerxía con tódalas consecuencias; relación que si viu Einstein a partir da R.R. ¿Precursores das grandes ideas? Si, sempre os hai. Nin siquera as transformacións de Lorentz son de Lorentz, senón de Voigt (1887). Por esta regla de tres ata Newton sería un gran impostor: ¿que sería del sen os estudos do movemento acelerado de Galileo, as leis de Kepler e as claves dadas por Hooke? Poincaré fixo moitos dos ladrillos da R.R., pero non construiu o edificio enteiro, como a gran maioría da comunidade da Física moi ben sabe.