NON É framboesa unha palabra singular no ensarillado delas que nos regala Teresa Moure na súa novela Herba moura . Sucede que, nesta súa obra, é una palabra con arrecendo. E un, que nos tempos da nenez e mocidade asombrouse tantas veces coa descuberta dun framboeseiro acubillado entre unha camelia e unha parra dunha horta na beira do mar, e sorprendeuse de seguido coa textura veluda, a cor e o arrecendo da framboesa, fai propia esa palabra que pertence á historia de Hélène Jans e de Einés Andrade. Por ver de chamar a súa atención ante un libro e unha autora capaces por xunto de conformaren un universo de paixóns. Para que se dean unha regalía. Sucedeume coa obra de Teresa Moure que souben dalgún dos textos sen saber da autoría. E logo de opinar sobre eles, pasou tempo sen coñecer ren do autor/a (de xénero non determinado, aínda que deducible pola escrita). Dende daquela, 2003, amoreáronseme os seus libros. Devecín por lelos. E disfruteinos. Agradezo que aquela opinión primeira fora agrandándose coas novas obras da autora (agora si) nas miñas sensacións de lector. Mais se queren ir polo atallo, sen deixaren as outras obras, o seu mundo máis rico e matizado está na Herba moura, por canto nel se enxergan e humanizan asertos e tese de Outro idioma é posible ou do libro, para min primeiro, A palabra das fillas de Eva . A idea dun mundo cun só idioma, contextualizada nos filósofos do XVII, non vai máis aló dun intento de desenvolver unha tecnoloxía das palabras, tecnoloxía útil para se comunicar entre o mundo, sen que por iso fiquen esmagadas as palabras propias. As paixóns que nos percorren a vida, que tan ben se expresan, se frasean, se viven no mundo maduro de Hélène e se albiscan naquel da mocidade serodia de Einés Andrade, abrollan nos fragmentos para anotar a vida e nas reflexións e análises da linguaxe formadora dos mundos, que habitan no texto das fillas de Eva. Ao cabo, que non Cabe -río segredo no mundo de Einés-, unha obra na que nas palabras está a vida, o pensamento, a paixón. Eu escollín framboesa, mais non dubido que cadaquén de vostedes que se atreva a entrar neste libro atopará aquela palabra propia que mellor lle acaia. Teresa Moure ofrécenos palabras. Que se poden vivir.