Michel Houellebecq

OPINIÓN

05 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ACABA de publicarse en España a nova novela de Houellebecq: La posibilidad de una isla . É unha novela de ciencia ficción que conta simultáneamente a historia dun famoso cómico, as súas experiencias eróticas e sexuais e a historia dos descendentes dos protagonistas, que son recreacións clónicas, dous mil anos despois. Houellebecq goza do favor da crítica, algúns din del que é xenial e un autor de culto , e goza tamén do favor do público. Ata agora eso só pasaba con García Márquez, pero hai que dicir que aí acaban as coincidencias. Un dos personaxes afirma: «As mulleres dan unha impresión de eternidade, con esa vaxina conectada aos misterios: como se se tratase dun túnel que dá a esencia do mundo, cando en realidade é so un furado para ananos, caído en desuso. Se poden dar esa impresión, mellor para elas». O de «caído en desuso» é porque se trata dun personaxe do futuro onde teñen superadas as necesidades sexuais. No presente, que se supón que é o dos lectores, o protagonista conta nas súas actuacións este chiste tan gracioso: ¿Sabes como se chama a parte carnosa que rodea á vaxina? A resposta é: muller. Na novela non faltan tampouco comentarios filosóficos: «Somos corpos, somos sobre todo, principal e casi unicamente corpos, e o estado dos nosos corpos é a verdadeira explicación da maioría das nosas concepcións intelectuais e morais». Dende que foi denunciado en Francia por inxurias e incitación ao racismo vive en España. O protagonista da novela opina que aos españois non lles gusta nada a cultura: «Ás veces tes a impresión, cando falas de cultura, de que o toman como unha especie de ofensa persoal». Nesto pode que teña razón. Ese personaxe, famoso, rico e cuarentón, mantén relacions sexuais cunha rapaza de vinte anos. El namórase e ela non, e el compréndeo, porque recoñece que é vello para ela. Xa lles dixen que é unha novela de ciencia ficción. Ten asegurado o éxito. É case tan entretida como O Código da Vinci e con moitísimo máis sexo.