Fotos famosas

OPINIÓN

28 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

EN NOVEMBRO do 2004, en Iraq, un fotógrafo tomou unha instantánea do rostro dun marine americano que acababa de acender un pito despois dun combate feroz. É unha foto impresionante, sobre todo pola mirada do home, na que uns ven a conciencia da irracionalidade da guerra, e outros a ilustración do valor. A foto reproduciuse en xornais de todo o mundo, converteuse nun símbolo, mentres o modelo, un rapaz de vinteún anos, xestaba un estrés traumático que o converteu nun eivado permanente. Na última novela de Pérez Reverte, un antigo fotógrafo de guerra toma unha instantánea dun soldado e convérteo nun rostro famoso. Iso provoca unha serie de desgrazas para o soldado, que decide matar ao fotógrafo por consideralo causante delas. (Non lles rebento a novela, todo iso aparece no primeiro capítulo). A Robert Cappa non lle ocasionou problemas a coñecida foto do miliciano morrendo cos brazos abertos, aínda que hoxe hai dúbidas de que sexa unha instantánea. O modelo ou estaba morto ou preferiu o silencio. Robert Doisneau, autor doutra foto famosa, a da parella que pasa bicándose por diante dun café de París, padeceu múltiples reclamacións por parte de xentes que pretendían ser os retratados. Ata que se fartou e acabou declarando que a foto estaba preparada, que non era unha instantánea, e que os modelos foran escollidos e aleccionados por el. O dereito á propia imaxe pode levar a pedir responsabilidades e tamén participación nos beneficios. Sorpréndeme que en Estados Unidos non teña xurdido aínda un avogado que defenda os intereses do marine e consiga para el un pouco máis de diñeiro que os 2.528 dólares que lle da como pensión o Estado. Dicía Pardo Bazán que as noticias de sucesos sempre deixan ao lector insatisfeito porque non lle contan o final nin o sentido da historia. Ela, a través dos seus relatos, inventou moitas veces o que faltaba nos xornais. O que conta Pérez Reverte pode ser un dos finais posibles para a historia do marine americano. Oxalá que non.