P enso que non teñen toda a razón os que pensan, á vista do caso Garzón, que volve a España negra. Non pode volver porque nunca se foi. As probas, a moreas, deixaríannos sen espazo. E hainos que pensan, como Jiménez Villarejo, que o Tribunal Supremo vén de facer un gran servizo á corrupción.
Á xente non se lle di (polo tanto, ocúltaselle, empezando pola resolución de que falamos) que casos de exceso nas escoitas ten habido moitos e sempre se resolveron con sentido común (que xa se ve que está en crise), facendo as correccións oportunas. Pero este caso era distinto, pola persoa encausada, e aplicouse outra vara de medir. Isto é difícil de entender para a xente.
Como tamén o é que os distintos funcionarios que apoiaron as decisións do xuíz condenado -fiscais e xuíces- sexan medidos con outros criterios cando as razóns, nun e noutros casos, serían sempre as mesmas, ben no mesmo grao, ben, no peor dos casos, en graos de menor relevancia penal. Pero isto, polo que se ve, non interesa ao caso.
Non sei se alguén falou do odio que zumegan as resolucións do Tribunal Supremo. Un odio contra o encausado. Alguén debera analizar con coidado este aspecto do texto, que, ao menos de primeiras, pon de manifesto que as recusacións formuladas tiñan moito fundamento, tanto as que prosperaron como as que non. E a postura terminante do fiscal a prol das recusacións. Aí, ao mellor, está o segredo de tan estraña resolución.
Teño unha certa confianza en que o Tribunal Constitucional poña claridade e sentido común neste caso, saído de órbita dende a súa orixe, sen que sexa necesario chegar ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. E corrixir así, á par, a penosa impresión que da Xustiza española se ten no estranxeiro. Que tamén nos debe preocupar.