N o paseo fluvial dunha vila galega atopo, tiradas no chan, unha bolsa de pipas e a dun xeado. Ámbalas dúas son de plástico, un material que estará contaminando anos e anos porque a terra non o pode reciclar. O peor é que as persoas que as tiraron ao chan son rapaces. Se fosen persoas maiores aínda podería desculpalas, porque hai anos tiraban pilas ou papeis tintados ás leiras. Curiosamente, agora tiran as pelas de mazá ou dun plátano ao cubo do lixo, en vez de darllas de alimento á terra. Mal feito, pero na súa infancia ninguén lles falou de reciclaxe na escola. Aos rapaces de agora si que lles falaron, por iso me preocupo. Preocúpome máis cando penso que os rapaces de Estocolmo, Copenhague ou Zürich, a diferenza dos nosos, tiran a bolsa de pipas na papeleira. Por que eles non e os nosos si? Ao mellor preocúpome por nimiedades. Confeso ser dos que se pon triste cando ve un cortacéspede arrasar un fermoso campo de margaridas en flor, ou cando me decato de que en Galicia limpar un río significa arrancar do seu cauce as algas que lle son naturais, en vez de apañar as latas que hai no fondo.