A actriz Candela Peña, ao recoller o seu Goya, dixo entre outras cousas que nos tres anos que levaba sen traballar vira morrer a seu pai nun hospital público no que non había mantas para tapalo e tiñan que levarlle a auga para beber. A primeira reacción foi o desmentido do hospital Viladecans. No programa matinal de TVE sinalaron que Candela Peña non dixo nada diso na recollida dos premio Gaudí, malia a que o ocorrido tivera lugar en Cataluña. Tamén sinalaron que o pai morreu durante o Goberno de Zapatero. O señor Montoro rematou o asunto declarando que algún dos nosos famosos actores non pagan impostos en España. Cousa que xa se sabía dende os tempos de Felipe González. Gabino Diego dixo que a gala dos Goya debe ser unha festa do cine e non da política. Política pódese facer con todo, con tal de que se faga ben. Unha cousa é facer cine político, como O gran ditador, ou literatura política como La fiesta del Chivo ou Viento del pueblo, por citar só obras mestras, e outra é converter unha gala nun espectáculo demagóxico, oportunista e de mal gusto.