O odio seméntase, como o trigo. Cabalga agrio no lombo dun cabalo griscinza, queimado. Penso no odio despois de escrutar os resultados electorais, tan significativos: máis de metade de Europa non vota. A outra metade votou. En Francia, Austria, Dinamarca, etc, a extrema dereita obtén números altos. Os seus programas son metáforas do rancor polos outros: razas, cor, relixión. Unanimemente, ou case, a sociedade española pronunciouse en contra deste ascenso. Debíamos mirar máis a nosa propia historia para comprender que todas as grandes traxedias, todas, foron causadas polos «propagadores» do odio. Non quedan distantes as afrentas e ignominias máis crueis da humanidade . Calquera que coñeza a intrahistoria de Europa, ratificará o meu criterio. O odio aniquila, devasta, elimina. O odio reside en toda intolerancia á liberdade, á voz dos outros e á condescendencia. Repousa na inxuria, no insulto, nunca na razón ou no argumento. A esquerda posúe, tamén, o seu propio territorio de inquina. Nel aliméntase a crenza de que os católicos somos perversos; os curas, pedófilos; os policías, «matones al servicio de los ricos» (Pablo Iglesias); Os gobernantes, «casta mafiosa», «mangantes» (Pablo Iglesias). Por non falar dos «cans», «perros» ou doberman dunha célebre campaña electoral. O odio seméntase: os froitos son veleno. Sei do que falo. Contemplo odios domésticos, ruíns e miserables, no meu pequeno/gran país. Homes e mulleres que descoñecen a sentenza de Víctor Hugo: canto máis pequeno é o corazón, máis odio acumula. Nas eleccións leo renglóns lúgubres, renegridos, opacos. Prefiro a luz do trigo.