O profesor Fernando Venâncio exerce na Universidade de Amsterdam, lonxe dabondo para que a súa perspectiva sexa ampla e lle permita ver a Xangada de Pedra ao completo.
Herdeiro do profesor Manuel Rodrigues Lapa no amor luso por Galicia, o seu ollo crítico observa a diglosia galega ao tempo que repara nas influencias do castelán no portugués, moitas veces caprichosas. As súas observacións comezan coas novidades xurdidas no contacto dos romances tras a unión das «Hespanhas» baixo os Austrias e chegan ás de hoxe, cun exemplo abraiante, o de Saramago.
Quen queira gozar con exercicios da lingüística eficaz, lea José Saramago e a iberização do português. Um estudo histórico. Nel Venâncio explica o avance da castelanización no portugués de Saramago ao longo da súa obra, con mostras que fan dubidar da intelixibilidade do texto para un portugués-falante. O castrapo que lle admitiron os editores ao mestre vai desde «ensilhar», «olor», «seja como seja»... ata a «chame-me ao telefone móvel».
Que don José se declaraba iberista sábeo ben quen o tratou; que teimaba en falar portuñol mesmo cos galegos, tamén. Ora, tanta paixón unitaria (mesetaria) do home quizais teña que ver Cupido. Revisando as datas da deriva castelanizante de Saramago logo se ten esa sospeita, á que Venâncio dá nome sevillano.