O ano galego comeza e remata o Día da Patria. O curso académico e o político rematan o 25 de xullo, marcando o que pasará en setembro. A traxedia da Grandeira e a heroicidade dos de Angrois marcounos hai un ano, e hoxe o intento de utilización pola Xunta da heroicidade popular marca as Medallas de Galicia. Daquela a hoxe, amais de Angrois, a corrupción, xuíces e xuízas, o asasinato de Asunta Basterra Porto, as ocorrencias dos gobernantes, a perda de falantes do galego, a proposta dun Parlamento máis pequeno e unha autonomía menos autónoma, as eleccións europeas e a nova Abanca. Arredor de nós, as novas guerras na Ucraína e Palestina, a secesión de Escocia e Cataluña no horizonte e a crise económica no sur de Europa, que non para de destruír o público mentres axuda á banca privada.
As eleccións europeas marcaron un tránsito político decisivo ao evidenciar o que tantos querían negar: a transición remata, o sistema de partidos non responde ás demandas dalgúns sectores sociais e o sistema político está tensionado pola súa inelasticidade. O rei abdicou para convencer aos incrédulos e onde non se podía mudar unha coma, empezouse a falar de cambios constitucionais, medidas rexeneradoras e facer algo con Cataluña, aínda que ninguén sabe exactamente que. E ninguén sabe en Galicia que facer para responder a estas novidades, uns din que a soberanía o arranxa todo, outros que estamos a piques da creba democrática, os de máis alá non queren ser partidos do sistema, a socialdemocracia ten a solución mudando líderes e esperando o desgaste desa dereita que goberna con anuncios ideolóxicos (reforma do Parlamento, da elección de alcaldes, do aborto, do fisco?) e instalándonos nos recortes como austera solución na que os que menos teñen axudan ao negocio dos que teñen máis.
A corrupción converteuse no tótem degradante do sistema político e o debate sobre cando debe dimitir un político imputado na proba do nove desa degradación. O asunto só ten unha resposta, que non é xurídica, senón política e cívica: cando ten vergoña. Descubrir a falta desa vergoña -na que fomos educados- non se vai reparar por moitos botes de crema solar que botemos no lombo este verán mentres gozamos das nosas rías.
O noso presidente Feijoo ve a Castelao un día si e outro tamén e fálalle, mentres o seu conselleiro de Educación descúbrenos por fin que o galego fálase moito no rural e pouco nas cidades. Perfecto. A cultura galega disputa sobre o pasado e a política -non é doado distinguir aos voceiros dunha e doutra- sobre futuros imperfectos. Todo en clave filolóxica, a agardar pola construción da política. Porén, algo vaise movendo por fin na sociedade: é o que teñen as democracias avanzadas cunha alta taxa de licenciados, á xente dálle por pensar, cando lle dea por se xuntar, algo pasará. Para ben.