A nova, por fin saltou con rapidez, non sen mérito. Javi Gómez Noya, campión do mundo de triatlón, ¡xa por cuarta vez! O fútbol, por unha vez, non era moito máis importante. Iso si, as declaracións de algún xogador referidas á saída de dous compañeiros seus do club, deron para encher os minutos reservados ao deporte todo o que restaba de semana.
Volvín sentir a picada interior doutras veces. A da pouca importancia que se lle dá a algunhas cousas en detrimento dun «deporte rei» que xa o temos todo o ano... e está moi ben, pero hai máis cousas. Pode que me doese máis porque Javi é galego. E discreto. E loitador. E sinxelo. Un exemplo. Nada máis rematar, preparou un novo reto: o mundial de Ironman. Escribo antes de saber o resultado porque para min vai ser un heroe igualmente. E da terriña.
Emocióname a xente que loita polo que cre, ata máis non poder. E esa xente que, chegando tan lonxe, permanecen preto. Eses son os que quero que me representen. Coma Javi. Ou Luís Tosar no cine. Ou Fernando Ónega no xornalismo. Como di miña irmá, sentímonos fachendosos deles, aínda que, como lle pasou a ela, atopase a algún nunha gasolineira da A-6 e non se atrevese a dicirllo. Non foi por falta de ganas. Quizais o lugar, lembroulle á de Guitiriz. Entroulle o medo. E saíalle o orgullo.