Cobrar por traballar. Cobrar por respirar

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

21 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O escándalo das tarxetas negras de Caixa Madrid revela moitas cousas sobre o presente que vivimos. De 86 conselleiros que dispuñan de tarxetas catro non as utilizaron nunca e outros dous fixeron moi pequenos gastos. O fraudulento sistema creouse despois do PP botar a Jaime Terceiro en 1996, cos votos daquela pinza que funcionaba por entón PP-Comisións/IU. Miguel Blesa, subiuse o soldo ata cobrar 18 veces máis que o seu antecesor e subiullo aos conselleiros. Alén das cuestións fiscais, fraude, administración desleal,... pregúntome por que eses conselleiros pensaron ter o dereito a cobrar e gastar tales cantidades. Pregunta inxenua, si. Debeu ser a mesma que se fixeron quen non usaron as tarxetas podendo facelo e aos xestores anteriores a 1996 nin se lles ocorrera.

Pensarían que podían facelo ¿por ser eles quen eran? Hai quen pensa así, cunha lóxica aristocrática máis presente do que debería. Que por nacer e ser quen é ten dereito a diferenzas salariais de vertixe. Outros deberon pensar que eran escollidos, captados, cooptados para formar parte dunha elite exclusiva, polos seus méritos políticos, sindicais, empresariais ou relacionais, cando en realidade estaban sendo mercados. Seica nunca lles explicaron que ninguén dá nada por nada e que sempre é mellor non deber obrigación. Nas casas labregas de Galicia aprendíanllelo aos fillos cando tiñan que se enfrontar ao mundo (emigración), ao mercado (feiras) ou ir á mili. Coitados. A emulación tamén é un poderoso motor: se outros o fan... Tampouco ninguén lles dixo: non tes por que facer o que fagan os demais.

A reacción dalgúns dos gastadores das tarxetas si foi inxenua, cando falaron de gastos de representación das súas funcións e outros lugares comúns que viñan colando ata entón. Mal sabían eles que, un por un, os seus asentos ían ser coñecidos como se das filtracións de Snowden se tratase. O mundo de hoxe pode ser moi transparente -non quere dicir menos manipulable- e a crise dura xa demasiado. Todos eles están espidos diante da opinión pública para explicar porque pensaban que non tiñan que declarar a Facenda como os demais, por que debían cobrar eses salarios e aínda, no caso de moitos conselleiros, por riba do que percibían nas súas profesións como avogados, empregados políticos ou sindicais, profesores ou mesmo reitores. Nin facturas, nin IRPF, nin intervención, nin ren do que practicaban fóra de Caixa Madrid.

O asunto descúbrenos que hai quen acredita en diferenzas salariais astronómicas entre uns traballos e outros. Mesmo imposibles: por cualificación, función ou hiperespecialización. Descúbrenos o saqueo porque non hai traballo que mereza tanto diñeiro. Nada teñen que ver esas diferenzas salariais co mercado, nin coa presenza dos políticos nas caixas, senón coa impunidade aristocrática á que hoxe chaman casta cun nome facilón que non da conta da profundidade do asunto. Revela aspectos agochados do presente, o que nos pesa o pasado, as permanencias que non desaparecen pese ás ilusións do progreso e ás imaxes de modernidade. Latexa a pegada da aristocracia de berce como referente social e cultural español nos últimos séculos.