Un pai, funcionario nun Instituto de Ensino Secundario, tiña tantos desexos de que o seu fillo, pouco aplicado, puidese cursar un ciclo formativo de grao superior, que cometeu o delito de mentir.
Si. Fíxoo. Como oen.
Falsificou as notas nunha aplicación informática da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e por arte de maxia, o seu fillo tiña aprobado o bacharelato.
Non o fixo para obter un posto de traballo. Nin para lucrarse economicamente. Non.
Buscaba unha oportunidade, pero non deixa de ser delito. Polo tanto, entendo que sexa castigado.
A fiscalía pide para el unha pena de cinco anos de cárcere, multa de 20 meses a razón de nove euros diarios, e inhabilitación para o exercicio da súas funcións públicas por seis anos.
Non a vou discutir. Non teño coñecementos como para poder entrar nesas leas.
Pero non podo deixar de sorprenderme.
Cando un non sabe de algo, en moitos casos o que se fai é comparar ou medirse polo xa existente. Por poñer un exemplo.
A fiscalía pediu só tres anos de cárcere para o expresidente de Bancaja, exvicepresidente de Bankia e expresidente da Generalitat valenciana, José Luis Olivas, por supostos delitos contra a Facenda Pública e falsidade documental.
Consistían en crear un documento que aparentaba ser unha factura para legalizar o pago de 508.000 euros.
A multa solicitada é de 202.700 euros para cada un dos dous implicados. Vaia, que o que se di congruente en canto a delito/castigo, non me parece o caso.
Pero... cousas veredes! Hainas peores.