Emprego e obra pública electoral

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

08 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

D espois de tres anos de axustes para reducir o gasto público como menciña para a crise, no comezo deste ano electoral redescubrimos que a fórmula da dereita para conseguir votos segue a ser ofrecer obra pública e reabrir a oferta pública de emprego que estaba conxelada. Do primeiro folga falar, chega percorrer Santiago ou A Coruña para ver que eleccións e obras están no mesmo campo semántico. As veces só son cartaces que anuncian obras que aínda non empezan máis que na fase dos molestos valados e cortes de tránsito, o que nos fala da obsesiva confianza dalgúns políticos no valor taumatúrxico das obras para encher as urnas de votos propios. Outras son obras que ninguén sabe moi ben para que serven nin como nin cando rematarán. Pero onde estea o corte de cinta que se aparte a ideoloxía: o festival de inauguracións da pasada semana ven corroborar o incremento do gasto público e enténdese como un sinal de reactivación económica en palabras dos inauguradores.

Imos cara o multipartidismo e iso será tan bon para a democracia e a súa renovación que xa empezan a notarse os seus primeiros síntomas. Houbo que esperar até este momento para que por fin un dos novos partidos emerxentes -co que polo demáis non coincido en nada- cuestione a obra pública como ben en si mesmo e propoña dar por rematado o período de construción de AVEs no Estado para adicar máis recursos a ciencia e a investigación. Pensei que nunca escoitaría nada semellante fóra do activismo ecoloxista. Por fin se fala en serio da fórmula para reorientar o gasto público dun xeito produtivo e ademais reducilo -quen queira- sen os retallos que degradan o noso benestar colectivo.

Máis revelador aínda que o obrar por obrar é o aumento da oferta pública de emprego que reapareceu este ano en enxurrada. Despois de encherse de criticar o exceso de funcionarios e empregados públicos -e as súas mamandurrias-, despois de reducir o déficit público pola vía máis doada de retallar salarios e extras de funcionarios, de pechar o acceso ao emprego público, alentar as xubilacións anticipadas e impor unha ridícula taxa de reposición de un por cada dez funcionarios xubilados que está a devastar as aulas de profesores, as universidades de investigadores e os hospitais de profesionais da saúde, despois de todo iso, chega o ano electoral e lánzanse a unha grande oferta de emprego público. E aínda máis alá, porque tamén ven de anunciarse que 200 concellos galegos empregarán aos acollidos ao RISGA por sete meses. O tempo de chegar ás eleccións xerais.

Os que santificaban os retallos para reducir o déficit agora aumentan o endebedamento de forma suicida e contraria ás súas prédicas. Porque nada do gasto deste ano vainos saír gratis. Non sei se nos toman por fatos ou por fregueses daqueles que acreditaban na máxima «fai o que eu digo pero non fagas o que eu fago». Algo si que aprendemos nestes anos de crise e retallos e é que o que eles gasten agora de máis pagarémolo todos despois deste ano electoral... os primeiros os funcionairos, vítimas propiciatorias do axuste das contas públicas dende hai máis de 20 anos, máis ou menos dende que Rajoi foi Ministro de Administracións Públicas. En 2016, acabado o ano megaeletoral, pagaremos.