Mentres a prensa rosa centra a análise do estilo masculino na elegancia de corte intelectual de Vargas Llosa e no atractivo con toques de malote de Jose Coronado, a min o corpo pídeme obvialos por facilóns e reivindicar o mito erótico contemporáneo por excelencia, un must do verán e unha aposta que nunca falla: os bombeiros. Permítanme, ademais, que insista en que o segredo ás voces dos primeiros, ter cartos, é in absentia o maior mérito dos segundos, que se desfán en esforzos para manter o corpo serrano a base dunha sabia intuición física e psíquica seguramente extraída de horas googleando as formas máis baratas de manterse en forma. Ademais, romántica que é unha, dou en valorarlles aos bombeiros que o obxectivo final do seu culto ao corpo non é nin cobrar unha exclusiva millonaria nin dar un braguetazo cunha duquesa, aínda que merecerían todo iso e máis. Claro que, por desgraza, o ¡Hola! non vendería nin un só exemplar se dedicase reportaxes de cinco páxinas aos corpos esculpidos e á temperanza ante os perigos dos bombeiros. Nin sequera a Cosmopolitan o faría. Que inxusto é o mundo da prensa feminina.
Os bombeiros só saen na prensa para ilustraren desgrazas. E nós, fascinadas coa prensa rosa de verán, sempre tan xugosa, entre flisflís e flisflís do spray do protector solar, decidimos esquecer que ese home fornido e valente que soñamos que nos rescate de quedar pechadas no baño da disco e que cremos que apaga un lume forestal para que non se nos mustien as gardenias, en realidade cobra unha miseria, non sabe se o contratarán de aquí a dous meses e ten un seguro de accidentes de pena. Que fácil é ser cool cando se mira para outro lado.