Abonda con ler a prensa -maiormente a da capital, a cal, sen que se saiba a razón, se ten por influínte e aínda de nivel superior- para, sen esforzo ningún, decatarnos de que somos un país alporizado: Grecia, Escocia, Cataluña... e agora Jeremy Corbyn, orixinaron as páxinas máis escoradas e alporizadas de toda Europa.
Calquera afeito a ler a prensa estranxeira -non falemos xa da inglesa- nunca poderá entrar nese clima infecto, e tamén contaxioso, dunha prensa contra isto e contra aquilo -Syriza, independencia de Escocia, ideario de Corbyn-, sempre facendo o indicible por condenar ao lume eterno as propostas políticas -por natureza ventureiras- referidas a esas e outras cuestións, opostas ás deses medios. Aquela prensa pode ser forte nos contidos pero é sempre cortés nas formas. Un signo de civilidade.
Unha prensa que recorre á descualificación, á versión interesada dos feitos, sempre escorada cara aos intereses económicos que a dominan, certo que incorre nunha grave responsabilidade: lonxe de informar ao público estará tan só servindo aos seus propios intereses. A súa suposta información chega ao público eivada e tolleita.
¿Será só cousa deste momento, por mor das eleccións do día 27? Claro que non: é unha constante que de maneira ben doada podemos comprobar con ir á hemeroteca ou tan só con lembrar casos ben recentes como as eleccións escocesas ou o referendo grego, ou calquera outra ocasión semellante.
Trinta anos de democracia, que xa deberan chegar para ter unha certa cultura cívica, non deixaron pegadas moi fondas. Unha mellor convivencia e concordia bótanse en falta neste país. Berrar menos e dialogar máis. Berrar é instintivo; dialogar é o uso da razón. Seguimos no primeiro estadio. O segundo semella seguir lonxe.