Non, non falo dos Sex Pistols. Cadrando co Nadal dinos o IGE que dentro de quince anos teremos un 40 % menos de nenos de entre 0 e 9 anos. Pouco me parece. Pero mesmo así, isto vai ter consecuencias, desde ERE no ensino, ata laios polos libros de texto e contos sen vender. Xa que entre todos decidimos perseverar neste camiño de perdición, cando menos sexamos conscientes das súas consecuencias.
Un mestre que aprobase hoxe as oposicións xubilarase ao cabo duns corenta anos. Se en quince anos imos ter un 40 % menos de nenos, precisaremos tantos mestres xa corentóns e difíciles de reciclar? Non cometeremos o mesmo erro que coas universidades, onde os alumnos caeron logo de quince anos en 40.000, pero os profesores só en menos de 300? E, sobre todo, poderemos custear eses gastos á vez que debemos atender a máis anciáns cos nosos propios medios? Se pensásemos a só quince ou trinta anos vista -que non é demasiado, se lembramos como os nosos devanceiros plantaban carballos para fillos e netos-, albiscaríamos que eses recursos agora dedicados a necesidades en regresión ímolos precisar para outros servizos: máis residencias de anciáns e menos escolas, máis centros de día e menos garderías, máis xeriatras e menos pediatras, máis fábricas de cadaleitos e menos de mobles...
Sei que isto é impopular. Por iso non o poden dicir os que deben agradar a todas as orellas e oídos. Pero igual que o teorema de Pitágoras non debe someterse a plebiscito, isto da inercia demográfica e as súas consecuencias socioeconómicas tampouco. A lei da gravidade demográfica é tan férrea como as leis de Newton, canda menos neste noso planeta.
Que non interesa? Pois brindemos. Sempre aparecerá outra Merkel calquera para culpala das nosas eivas, do noso desleixo e do noso familismo amoral. Pobre remedio ese, pero remedio para algúns, como é botarlle a culpa aos de antes e aos demais, sempre aos demais. Mentres, todos os que sobrevivan neste senil e senescente país pensarán sobre que fallou décadas atrás. Algúns farán teses doutorais e marabillaranse de atopar advertencias, propostas e consellos atinados nas hemerotecas, pero que foran esquecidos ao día seguinte, para rexurdir ao cabo duns meses, sempre cadrando con certificacións actuariais do IGE galego, do INE español ou do Eurostat europeo. E se fixeran investigación cualitativa atoparían testemuñas de mestres aos que non lle gustan os nenos, de patriotas incompatibles coa paternidade, de escritores de literatura infantil que só queren nenos que merquen os seus libros prontamente caducos.
Un 40 % menos de nenos en só quince anos é tal animalada que merecería debates ata na prensa deportiva e do corazón. Pero si estamos a Rolex, pois estamos a Rolex. Se perdemos aproximadamente 8.000 nenos anuais dos 20.000 que veñen nacendo nestes anos, que se amolen os 12.000 restantes. Os que así pensan non saben que tamén se vota cos pés, e que se hai máis cargas e menos contribuíntes netos, kaputt. Menos nenos, menos futuro.