O ter prescindido Pedro Sánchez do nefasto equipo económico da xestora agoira que algo aprendeu, así como o ter pasado por riba dos dinosauros, deixándoos confinados no recuncho que lles corresponde, que é o pasado; e, por suposto, o terse aberto a pactos con outros grupos afíns ou apartarse do CETA.
Pero cómpre ser político (algo pouco común entre nós) para equilibrar intereses tan contrapostos -que nisto consiste a política- como os do capital do 1 por 100 e adláteres ao seu servizo e os da clase traballadora, aqueles privilexiados pola política duns e doutros, e estes levados pouco menos que á indixencia. Os primeiros van defender con uñas e dentes o seus privilexios, e teñen medios poderosos para facelo, e os segundos terán que recorrer aos medios que lles son propios, en inferioridade.
Vai sendo hora de deixar a unha beira as ideas nacionalistas, por resesas, da plurinacionalidade do Estado, que só levan a que xorda o tópico separatista e irracional, joseantoniano, de atentar contra a «unidade da patria», tan caro á dereita e á esquerda. Aznar e Bono ilustrarían o que digo. Ou Mariano Rajoy e Alfonso Guerra.
Moito mellor e máis práctico sería suxerir un Estado de verdade federal, e non de sucedáneos, facendo o indispensable labor pedagóxico que toda política grande require. ¿Será capaz de abandonar dunha vez a idea joseantoniana e reaccionaria da tutela sobre comunidades que só piden desenvolverse á súa maneira, e ter dereito a que decidan?
Controlado o partido, ou iso parece, por máis que sigan agachados os dinosauros e dispostos a botar ás súas gadoupas, e se consegue un pacto cos máis afíns, non hai dúbida de que terá diante de si un campo de especial larganza para demostrar que é un político. Moi difícil, pero suxestivo.