Emigrantes

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

22 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A revista americana The Atlantic publicaba no 2013 unha entrevista á escritora haitiano-americana Edwidge Danticat na que falaba da idea de que «todos os inmigrantes son artistas» pois para construír unha vida noutra cultura fai falta moita creatividade, e como ela mesma describía, a idea de comezar de cero noutro lugar «é coma un lenzo en branco, no que pincelada a pincelada un vai construíndo unha vida» citando a imaxinación e a esperanza de que algo sairá do esforzo realizado como elementos comúns entre a emigración e a creación artística.

Como filla de emigrantes tento imaxinar o duro que tivo que ser tomar a decisión de marchar para logo voltar. E mirando cara atrás, e coa perspectiva de Danticat, os meus pais, como tantos outros, fixeron un esforzo inhumano por reconverterse e crear unha vida familiar estable. A creatividade da miña nai para vestir ben ás súas catro fillas: até a adolescencia toda a nosa roupa era feita por ela, a man, na casa, con retallos. As múltiples profesións do meu pai: Dositeo foi músico, reloxeiro, enmarcador, fotógrafo, xoieiro. Coa esperanza de que provéndonos da mellor das educacións creariamos un futuro mellor.

Quizais na frase de Danticat poidamos explicar a inxente creatividade do pobo galego. A emigración de finais do dezanove contribuíu proxectos incribles para a nosa identidade dende o exterior; e os que quedaron foron capaces de reconstruír as súas vidas con ben pouco e igualmente contribuír. Inspiración pura para a nosa realidade de hoxe: a Galicia do 16 % de desemprego (35 % en menores de 25) precisa agora máis que nunca a imaxinación e a esperanza que levaron no peito as dúas xeracións que nos preceden.