Sapoconchos

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

OPINIÓN

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un sapoconcho non é unha tartaruga. Como unha bategada non é unha orballada, nin unha treboada é unha sarabiada, aínda que poden vir xuntas. Ou chover separadas. E aínda que este ano é máis de brétema que de ballón, e si, falta fai unha pouca máis de auga, neste recuncho do mundo non esquecemos que un dos grandes praceres desta vida é poder quedar na casa cando vén a lostregada. Mirar as pingas do outro lado do vidro, cunha cunca de leite morno e algunha galleta na man. Estar ao quentiño mentres alampa na rúa e por unhas horas vivir amodo, acochados na casa, a carón da xanela, acubillados na manta. Pero a vida. A que tira por nós con cada abrente, a cada alborada. E poñer a chaqueta, atar os zapatos, agarrar o paraugas. E saír a rúa dando alancadas. Rosmar todo o camiño que ¡boh! Quen puidera quedar na cama. E de volta, pasar pola praza. Mercar un bertóns, que co frío que vai, quentan o corpo e danlle ledicia á alma. Facer o xantar mentres a radio canta. E escoitar as noticias como se viñesen doutros mundos, de terras tan afastadas... O mesmo retrouso todos os días, as mesmas desgrazas. E despois, saír á rúa, porque chove, claro, pero unha é ben testana. Camiñar devagar polas rúas empedradas. Avanzar engorde, sen présa, paseniño, con calma. E que un rapaz de Teo teña que dicir sapoconcho na tele para que este país gabe a súa lingua. Que é fermosa. E que, sobre todo, hai que falala.