Beleza fálica

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O hipospadias é unha malformación conxénita que leva a que a abertura da uretra (por onde saen os líquidos) non estea na punta do pene, senón na parte inferior. A súa solución é cirúrxica. É conveniente realizala nos primeiros anos de vida para evitar cargas psicolóxicas, porque se ten observado que, cando se fai na etapa adulta, algúns doentes teñen amosado preocupación polo resultado estético. Esta circunstancia levou a un equipo da Universidade de Zurich a elaborar unha listaxe de 8 factores definitorios do atractivo dun pene e a investigar cales deles son máis apreciados polas mulleres. Por ese motivo fixeron un estudo cun grupo de 105 mulleres de entre 16 e 45 anos. O resultado concluíu que a calidade máis apreciada por elas era a aparencia estética do conxunto, unha valoración que seguramente sorprenderá a moitos homes. O segundo factor máis elixido por elas foi aspecto do vello púbico (un pelo necesario polo seu efecto protector aínda que parece haber certa tendencia social a eliminalo). En terceira posición, un empate entre dous factores: o grosor do pene e o aspecto da súa pel. No quinto posto, a forma do glande (a parte final e máis avultada do membro). A sorpresa veu no resultado do sexto: a lonxitude do pene. No sétimo posto, o aspecto do escroto (a bolsa de pel rugosa que cobre os testículos) e, en último lugar, a posición e forma do meato (o orificio no que remata a uretra). Abofé unha boa corrección ao falocentrismo dos homes e á súa tendencia a fixarse só na lonxitude.