A Xunta leva tempo abordando o contexto demográfico co obxectivo de reverter a actual situación, tendo en conta dous ámbitos de actuación que son complementarios: a revitalización da poboación mediante o apoio á natalidade e a atención aos nosos maiores. A baixa taxa de fecundidade xunto co feito de que practicamente un de cada catro galegos ten 65 ou máis anos, indícanos que cómpre afrontar o reto demográfico de maneira transversal, pero tamén como unha oportunidade de emprego e desenvolvemento económico. Non se trata soamente de vivir máis anos, senón tamén de vivilos mellor e que as novas xeracións gocen dunha contorna social favorable para o seu desenvolvemento e de que os maiores teñan cada vez unha vida máis plena, autónoma e activa.
Por tanto, temos traballo por diante. Hoxe as familias galegas teñen máis apoios que nunca e temos como meta que este sexa o mellor lugar para ser pai ou nai, para conciliar e, sobre todo, para ser neno. Porque contribuíndo ao benestar das familias estamos tamén poñendo as bases para afrontar a recuperación demográfica, un dos maiores retos que ten este país por diante e que non é exclusivo de Galicia.
A nosa comunidade acumula 30 anos de saldos vexetativos negativos. Non serven medidas a curto prazo. A cuestión demográfica non se resolverá de maneira inmediata, senón que é necesario abordala tendo en conta os cambios sociais, económicos e culturais do tempo que nos está tocando vivir para que, nas vindeiras décadas, se reverta esta tendencia negativa na comunidade.
En Galicia vivimos 2,7 millóns de persoas, aproximadamente o 6 % da poboación española. As proxeccións indican que na vindeira década perderemos case 150.000 habitantes e que no 2051 seremos 1,7 millóns. Este panorama tennos que levar a reafirmar que a cuestión demográfica debe formularse como un pacto de Estado, lonxe de postulados ideolóxicos e con vocación de perdurar no tempo.
Precisamente, para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos que desexe, cómpre ter un coñecemento exhaustivo e permanentemente actualizado da realidade demográfica galega. Para iso se puxo en marcha o Observatorio de Dinamización Demográfica.
Estamos ante un órgano plural, non partidista, e do que debe xurdir un primeiro avance da futura Lei de Impulso Demográfico de Galicia. O consenso é imprescindible se queremos abordar en serio e con maiores perspectivas de éxito o desafío demográfico.
Nesta lexislatura temos o compromiso de consolidar un traballo con vocación de permanencia. Por iso precisa de consenso, pensando nas próximas xeracións e non nas próximas eleccións.