As cifras do libro galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega acaba de facer públicos unha serie de datos sobre consumos culturais, máis específicamente sobre a produción e consumo do libro galego na última década, en realidade dende o ano 2006, data de aprobación por unanimidade da Lei do Libro e da Lectura no Parlamento de Galicia, ata o ano 2016. Os datos serviron de referencia para os debates que o pasado xoves se celebraron na devandita institución, debates preferentemente de carácter sectorial, nos que participaron editores, libreiros, bibliotecarios, estudosos da edición, distribuidores, creadores, etcétera, mesmo algunhas técnicas da administración. Nada que os que estamos nisto non soubésemos, aínda que cando un observa os gráficos, as cifras, as tendencias da nosa realidade cultural no seu conxunto, imposible virar os ollos para outro lado. O panorama é certamente desalentador. Nos últimos anos, dende o ano 2008 ao 2014, o período mais duro da crise económica, o investimento ou gasto público en cultura diminuíu nun 58,40 por cento.

E non contamos educación, só investimentos na industria cultural e nas súas infraestruturas. Os programas relacionados co libro nalgúns casos reducíronse de 1.120.000 euros no ano 2006 a 200.000 euros no ano 2016 (promoción da lectura); de 758.000 euros a 348.460 nas mesmas datas (promoción á edición en lingua galega); entre o ano 2008 e o ano 2016 a adquisición de fondos para as bibliotecas públicas diminuíu en 2,4 millóns de euros, case un 60 %, etc. As cifras están a disposición dos interesados na web da institución (Observatorio da Cultura Galega). Falamos do libro porque mañá e o Día Internacional do Libro e da Lectura, mais poderiamos falar da cultura en xeral (audiovisual, artes escénicas, artes plásticas, patrimonio, etc.), incluída a investigación científica e universitaria. A cultura foi e segue a ser a primeira gran castigada por unha política de afogamentos que, ollada con perspectiva, está a esganar (se non o fixo xa) por unha banda as estruturas básicas de creación, o capital humano necesario para construir o produto cultural, e, por outra, a dimensión das audiencias, habitos e prácticas de consumo, mercados, extratexias de promoción, apostas novas de risco… Cando nas políticas reducionistas se sobarda unha certa liña de decrecemento (que chamamos «liña cero») a capacidade de reacción desaparece. Non quero pensar que esteamos xa neste punto, mais andamos moi próximos. Falamos do libro porque nestes días váisenos encher a boca a todos con discursos retóricos e de propaganda. Mais a realidade é teimosa: igual que caemos en número de falantes, caemos en número de lectores, en produtos de creación, en infraestruturas de futuro (editoras, distribuidoras, librerías, bibliotecas). ¿Podemos virar os ollos cara a outro lado? Podemos.

É o que estamos facendo.