A noiva dun dos gardas civís agredidos nun bar de Alsasua declarou no xuízo que se celebra estes días contra os oito detidos pola agresión. As súas palabras revelan a vixencia da exclusión social das vítimas de terrorismo no país vasco. Situación moi ben narrada na novela Patria. ETA asasinaba e ademáis mataba socialmente á familia do asasinado. Á dor pola perda do morto uníase a dor de sentirse abandonados. Os amigos evitaban a súa compañía. O faladoiro do bar, as excursións, a partida de cartas, todo o que era o seu mundo cotián desaparecía; ninguén falaba con eles na rúa, ninguén os acompañaba no enterro. Uns por covardía, outros por cego fanatismo, abandonaban á familia, deixábanos sós coa súa dor e o seu desamparo. Eran os anos nos que ETA asasinaba. O terrible é que as palabras da noiva do garda civil demostran que seguen presentes os métodos de ETA e a exclusión aos agredidos. En Euskadi unha parte da sociedade quere botar a Garda Civil e a Policía Nacional do seu territorio e algúns individuos cometen actos violentos para conseguir o seu obxectivo. O resto da sociedade non ve, non fala, como o propietario e a camareira do bar que declaran que non viron nada, ou como os que estaban alí e nin axudaron aos agredidos nin denuncian posteriormente. Por iso as vítimas teñen que declarar tras un biombo e por iso, tras soportar pancartas como «o pobo non perdoa», a noiva, que vivira sempre en Alsasua vaise do pobo, deixando esta desoladora declaración: «Desde aquel día perdino todo».