Unha fronte a sete

OPINIÓN

30 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha moza de dezaoito anos e en fronte sete homes: os cinco que se autodenominan La Manada e dous xuíces que tiñan que xulgar o ocorrido. Nas comisarías as cousas melloraron desde que mulleres policías, con preparación especial, atenden ás mulleres que denuncian unha agresión. Non sucede o mesmo cando teñen que contar o caso a un xuíz . Algún pode chegar a xustificar unha violación porque a agredida levaba minisaia, ou, como sucedeu agora, considerar «jolgorio» as múltiples penetracións ás que someten cinco individuos a unha moza encerrada nun portal.

O Código Penal español penaliza todo acto de carácter sexual realizado sen consentimento. O problema está en que moitos xuíces seguen considerando consentimento a parálise provocada polo pánico: non saben o que é o medo e o sentimento de indefensión dunha muller, simplemente por volver soa a casa de noite. Por iso non poden entender a reacción desa muller atrapada por cinco tipos que queren sexo. No caso de La Manada un xuíz considera que houbo consentimento e propón a absolución; outros dous (home e muller) cren que foi un consentimento viciado, pero que a penetración oral, vaxinal e anal realizada á vítima polos cinco acusados non foi violencia suficiente para que se considere violación. Pois haberá que cambiar as leis sobre o concepto de consentimento e de violencia para non depender tanto da interpretación dos xuíces. A Policía recomenda non defenderse para non provocar danos maiores, é dicir, a perda da vida; os xuíces ao parecer, non. Ás mulleres agárdanos unha longa loita porque o que hai que cambiar é a educación, a cultura e sociedade para que feitos como o de Pamplona e a sentencia non cheguen a producirse.