Chámame un amigo , escandalizado da postura de quen critica a sentenza da Manada sen ver o vídeo e «nin sequera» ler a sentenza íntegra.
E preséntame un caso: un funcionario X, recentemente chegado a un posto dun ministerio, lévase mal cunha funcionaria de rango máis baixo, pero que ten máis antigüidade. Ela entorpece o seu traballo todo o que pode e el procura evitala e ignorala.
Un día ela vai ao seu despacho para protestar por unha cuestión de quendas de vacacións. El dille que as quendas se elixen segundo criterios fixados de antemán e que os cambios dependen de favores persoais entre colegas. E engade que algo terá que poñer ela da súa parte para conseguir un cambio. A muller, convulsa, cos botóns da blusa abertos, e a pintura de beizos corrida, preséntase no despacho do xefe de ambos e di que X tentou agredila. É a súa palabra contra a del. Sen dúbida, crerana a ela, di o meu amigo.
Chamo á miña amiga xuíza, que, case enfadada, dime que sempre se parte da presunción de inocencia e, neste caso, as probas da muller son débiles e existen motivos espurios, polo que estariamos ante un caso de «incredibilidade subxectiva» ao detectarse inimizade manifesta, que evidencia a posible existencia de vinganza contra o denunciado.
Pásolle a información ao meu amigo para tranquilizalo e, de paso, cóntolle que nos Estados Unidos os profesores de universidade reciben aos alumnos coa porta do despacho sempre aberta. Tomar precaucións nunca está de máis.